Nun novo amigable na pretempada 21/22 deixa para o Durán Maquinaria Ensino unha nova vitoria. Desta vez, o rival foi Bembribe, equipo que acolleu o IV Memorial Gerardo de la Mata. Neste encontro, as galegas venceron por un 54-61.
Á fin do partido, o adestrador das lucenses, Miguel Ángel Ortega, aseguraba estar “moi contento co esforzo das mozas hoxe. A verdade é que ten boa pinta, o equipo traballa moi ben, con moita ilusión, intentando facer as cousas da mellor maneira posible. A verdade é que estou moi satisfeito”.
Un Ensino de menos a máis
Nos primeiros minutos de partido, o conxunto local fíxose co dominio do balón, anotando con facilidade baixo o aro e acadando unha vantaxe importante á fin do primeiro cuarto (21-9).
Para o segundo tempo, as pupilas de Ortega, coa internacional Tamara Abalde desfrutando dos seus primeiros minutos, reaccionaron. Chegado o tempo de descanso o marcador xa estaba máis igualado (32-29).
Despois da pausa, o Ensino púxose as pilas para facerse co control do partido. Cun ritmo máis alto de intensidade, as galegas adiantáronse no marcador, asinando a remontada e logrando aplacar ao rival.
No tramo final do duelo, o club lucense soubo manter a súa vantaxe, sen ceder ante o Bembibre, centrándose na defensa para afianzar a súa vitoria. Finalmente, o partido rematou nun 54-61.
FICHA TÉCNICA
BEMBIBRE: Ainhoa (-), Bionca (10), Amber (24), Helena (-), Anna (2) —quinteto inicial—. Tamén xogaron: Laura (9), Tina (2), Kalin (2) e Lass (5).
ENSINO: Tamara Abalde (5), Orsili (6), Marina Lizarazu (5), Natalie van den Adel (4), Aliaga (7) —quinteto inicial—. Tamén xogaron: Georgina Bahí (8), Sofía da Silva (10), White (14), Eva Pardo e Lucía Sotelo.
ÁRBITRAXE: Pérez Díaz e García Fernández.
INCIDENCIAS: Partido amigable da pretempada 21/22 disputado no pavillón municipal de Bembibre.