Na tarde deste xoves, 4 de febreiro, o Durán Maquinaria Ensino estrea a competición da Copa da Raíña co duelo de cuartos de final. E o fai ante un rival nada doado. O Perfumerías Avenida. As salmantinas foron as vencedoras nas últimas cuatro edicións deste torneo. Esta nova cita copeira terá lugar ás 20:30 horas.
“Xogamos ante o gran favorito”, advirte o adestrador lucense, Carlos Cantero. Esta non é a primeira vez que salmantinas e galegas coinciden en Copa. Xa o fixeron o ano pasado, co resultado favorable para as campioas do torneo.
Un rival “top a nivel europeo”, di o técnico das luceses
En palabras de Carlos Cantero, o Perfumerías Avenida é un equipo “top top a nivel europeo, senón o mellor, entre os dous ou tres mellores de Europa. E nós, non somos nin de competición europea”. Por este motivo, no Ensino o obxectivo é “ser mellores despois do partido que no día de partido”.
Carlos Cantero: “(O Perfumerías Avenida é) senón o mellor, entre os dous ou tres mellores de Europa”
Non sería a primeira vez que as de Lugo vencen a un rival de categoría europea, xa sucedeu en Liga, pero tal e como recalca o técnico, “a este nivel é moi difícil”.
O rival do Ensino é un dos conxuntos “máis completos de Europa”. Segundo Carlos Cantero, os seus puntos fortes están na liña exterior, o tiro de tres, o un contra o un e o talento para mover o balón e atopar ás xogadoras soas. A nivel individual, o adestrador destaca ás bases Silvia e Maite e tamén a Tiffany e Katie.
En Liga o Perfumerías Avenida é un equipo invicto, grazas á súa media de 81,6 puntos por partido e un porcentaxe de acerto nos tiros de campo do 48,9%, o mellor da competición.
Así chega o Ensino
Pola súa parte, o Durán Maquinaria Ensino chega dun momento irregular en Liga Endesa, facéndose grande ante os grandes e pequeno ante os pequenos.
Carlos Cantero recoñece que o seu plantel non destaca por ser forte a nivel mental, xa que “dependemos moito da mentalidade de cada xogadora e é algo que temos que traballar ao longo de toda a tempada”.
Carlos Cantero: “Dependemos moito da mentalidade de cada xogadora”
Isto ten dobre cara. Por unha parte, explica por que o Durán Maquinaria Ensino foi mellor que algúns equipos, pero tamén é o seu “talón de Aquiles” en certos momentos. O adestrador prefire velo de maneira positiva: “cando levamos dúas derrotas seguidas, o terceiro partido nunca o perdemos e aí sacamos ese poderío mental que ás veces temos”.

Outro punto a favor é que na Copa da Raíña desaparece a presión por gañar, polo que xogarán sen presión e coa intención de dar unha boa imaxe.
A nivel físico o plantel atópase cansado pola longa viaxe, pero preparado, “coas doencias típicas da fin de tempada”. En canto á convocatoria, Natalie Van den Adel seguirá sen estar dispoñible xa que deu positivo no test preventivo de COVID-19.
Atendendo aos datos da Liga, o Duran Maquinaria Ensino preséntase como o mellor equipo desde a liña de tiro libre, cun porcentaxe de acerto do 76,1%. Tamén destacan pola súa fortaleza no tiro exterior.
Precedentes: o Ensino xa puxo contra as cordas ao Perfumerías Avenida
Malia que o Durán Maquinaria Ensino non conseguiu unha vitoria contra o Perfumerías Avenida, si logrou meterlle o susto no corpo na primeira xornada deste curso.
O estreo da Liga chegou cun duelo galego – salmantino no que as primeiras case dan a sorpresa. Con Hempe especialmente inspirada, as lucenses forzaron a defensa das contrincantes, que lograron vencer pero por un axustado 52-58.
No partido da volta a diferenza foi máis abultada, cun 80-45 rival nun partido no que o Perfumerías Avenida golpeu duramente desde o inicio.
“Evidentemente Salamanca non se pode deixar perder contra un rival como é o Durán Maquinaria Ensino. Perder abultado contra elas é algo normal, gañar é algo excepcional e extraordinario e dificilmente repetible”, recoñece Carlos Cantero.
Carlos Cantero: “En Salamanca aumenta o respeto hacia nós e iso tamén fala moi ben de nós”
Con todo, o adestrador das lucenses cre que despois da gran actuación do seu conxunto na primeira xornada, “si vemos en Salamanca que aumenta o respeto hacia nós e iso tamén fala moi ben de nós”.
Segundo o técnico do conxunto galego, as posibilidades de vitoria pasan por impoñer o seu propio ritmo de xogo e frear o alto ritmo das rivais. “Levalo a un partido máis lento e facerlles dano coas nosas”, resume.
Como tratar ao equipo invicto
Sen actitude derrotista, o adestrador Carlos Cantero recoñece a dificultade de tratar a un rival invicto en Liga, Euroliga e Supercopa. “Sabemos que imos ter diante a un equipo ao 100% e nós intentaremos estar á altura”, declara.
Carlos Cantero: “Aínda que fagas as cousas ben en ataque, os tiros son máis forzados”
Por iso, recoñece que “aínda que fagas as cousas ben en ataque, os tiros son máis forzados que do que estás habituada. O mesmo pasa en defensa: por moi ben que fagas as cousas, tes a un rival que por calidade é capaz de metelas”. A clave? Ser duras e seguir adiante “a pesar de que fagas as cousas ben e non saian”.
As novidades que presentarán ambos bandos neste choque
Para este novo enfrontamento entre ambos conxuntos, os dous equipos presentan novidades nas súas filas.
Por parte das galegas, a principal é Helena Oma. A catalá incorporouse a finais de xaneiro á disciplina do club e está amoldándose ao seu xogo. Polo de agora, Carlos Cantero xa expresou en varias ocasións o seu contento coa actitude e talento da xogadora.
No bando salmantino, a novidade é Bella Alarie, que suplirá a lesión de Marica Gajic.