Na próxima tempada Vega Gimeno non vestirá a camiseta do Durán Maquinaria Ensino. A xogadora valenciana deixa o club lucense despois dunha gran tempada na LF Endesa, e primeira e única en Lugo.
A ala pívot recalou en Galicia na tempada 2020/2021, procedente do Mann-Filter Casablanca, fichada polo Ensino como parte do seu proxecto para asentarse na categoría de ouro e aspirar aos postos máis altos. Ao longo deste curso, Gimeno foi unha peza importante no xogo do xa ex adestrador Carlos Cantero, sendo clave en moitas vitorias do equipo.
Desde o club lucense deséxanlle o mellor para o seu futuro e agradecen á xogadora a súa aportación para que o equipo seguira crecendo na máxima categoría.
Los lunes sueles ser duros y este no es una excepción. Hoy toca despedida…@vegagimeno
GRACIAS
GRAZAS
GRÀCIES pic.twitter.com/ChId1T6GR7— Ensino Lugo (@EnsinoLugoCB) April 26, 2021
Os números de Gimeno no Ensino
De feito, a valenciana acadou os mellores números da súa carreira co Ensino. En máis dunha década competindo nas dúas máximas categorías, Gimeno superouse na tempada 2020/2021. Co club lucense logrou unha media de 15,2 créditos de valoración por partido, cun porcentaxe de acerto do 85,7% desde o tiro libre, e un 49,3% nos tiros de campo. Tamén acadou a súa mellor media de anotación na liga regular, con 14,3 puntos por partido.
Dentro do apartado anotador, foi a segunda xogadora máis efectiva fronte ao aro do club lucense, cun total de 414, por detrás de Hempe, cunha media de 14,96 por partido. No ránking xeral, Gimeno entra no top 10 na novena posición. Ademais, foi a mellor valorada do seu equipo ao longo da competición regular, e a quinta na LF Endesa. Así mesmo, foi a segunda xogadora en disputar máis minutos co escudo lucense, só por detrás de Aleksandra Stanacev, quen tampouco seguirá militando co club lucense.