O pavillón ourensán Paco Paz acollía esta xornada festiva de martes o partido entre os conxuntos galegos Ourense Envialia e o Viaxes Amarelle FSF. Este derbi entre equipos da nosa comunidade estaba pendente desde a primeira xornada de Liga nesta Primeira División do Fútbol Sala Feminino da RFEF.
O cruce, moi igualado, decantouse para as locais que venceron pola mínima 2-1. As xogadoras que adestra Morenín están agora ubicadas na sexta praza da táboa clasificatoria, xusto sobre as de Basanta e igualadas a puntos. Sen embargo, o Envialia ten dous partidos menos.

Pese a que as herculinas fixeron un meritorio partido nun encontro que discurriu moi parello, foron as locaias as que se levaron o derbi por un exiguo 2-1.
O partido empezou con dous equipos que se mantiñan o respecto e xogaban un futsal moi similar, alternando a presión a media cancha coa presión a tres cuartos. O resultado era un partido igualado, pero sen demasiadas ocasións para ningún dos dous equipos.

Co cruce discurrindo parello en canto ao dominio ambos os dous equipos apostaron por poñer sobre a pista defensas moi serias. Deste xeito as ocasións non agromaban. Apenas unhas e outras daban opcións as súas contrarias.
Judith Pedreira abre o marcador para o Envialia
Os minutos pasaban, e a falta de tres para o tempo de asueto, Judith Pedreira finalizaba unha xogada de estratexia de banda cun potente disparo exterior que acabo ao fondo da rede da portaría herculina anotando o 1-0.
O conxunto dirixido por Jorge Basanta non se veu abaixo e seguiu pelexando por conseguir a igualada no marcador. Unha das súas ocasións máis claras foi a falta de pouco máis dun minuto para o descanso. A meta local sacaba dous balóns de socato dentro da área, e impedía que a escuadra laranxa subise o 1-1 ao marcador, tendo que irse ao descanso cun parcial de 1-0 en contra.

Tras o descanso o deste derbi entre ourensás e coruñeas empezaba cunha dinámica similar á da primeira metade. Se cadra o Viaxes Amarelle FSF presionaba un chisco máis alto. Froito desta presión chegoulle un balón a María Gómez, que cun potente disparo de 11 metros, e de primeiras, puña o 1-1 no marcador. O seu tiro, potente e axustado ao pau da portaría do Ourense Envialia FSF, devolvía a igualada ao luminoso.

Quedaba aínda por diante 18 minutos de xogo e o encontro íase igualando por vez. Con todo, ningunha das dúas escuadras parecía estar o suficientemente preto do gol.
O tanto que volvería adiantar ao Ourense Envialia chegaría froito dun penalti que foi sinalado na medianía do segundo período. Jenny Lores non perdoou.

Corría o minuto 29, cunha curta ventaxa local de 1 gol, o partido non estaba decidido, e o conxunto que adestra o técnico galego Jorge Basanta, non está afeito baixar os brazos. Así que as coruñesas non se rendero. Envorcáronse un pouco máis no xogo de ataque. Así e todo, as herculinas seguían faltas de fortuna de cara o gol.
Lesión de Martita no Viaxes Amarelle
A peor das noticias para as herculinas chegaría a pouco menos de cinco minutos para o final do encontro; cando Martita xogaba un balón presionada e quedaba cravada na pista, e íase ao chan rota de dor polo xeonllo. Xustamente o mesmo do que se estivo a recuperar a tempada pasada. A futbolista do equipo coruñés tivo que abandonar a cancha definitivamente.

As xogadoras herculinas saíron a por todas nos últimos minutos do derbi; e mesmo, Jorge Basanta apostou polo xogo de cinco nos últimos minutos de partido. Pero o gol seguía resistíndose e o encontro chegaba ao seu fin co marcador de 2-1, que concedía a vitoria para o conxunto local.
Viuse un derbi moi competido e serio por parte de ambos os dous equipos.
O Viaxes Amarelle finaliza con este encontro diante do Ourense Envialia a disputa da primeira volta da primeira fase da competición de Primeira RFEF Futsal Feminino. Faino con 6 puntos acumulados, tras 2 vitorias e 6 derrotas, en 8 encontros disputados. As coruñesas anotaron un total de 13 goles e encaixaron 26 tantos.
Descanso para o Amarelle e derbi ourensé para o Envialia
Tras a disputa deste encontro aprazado da competición regular, o Viaxes Amarelle FSF regresará os próximos días aos adestramentos; aínda que este fin de semana terá xornada de descanso e o seu seguinte partido será o correspondente á Copa da Raíña 2021.

Segundo o sorteo celebrado a semana pasada na sede da Real Federación Española de Fútbol, da competición de Copa da Raíña 2021 de Fútbol sala, o cadro herculino disputará o partido de dezaseisavos de final como visitante, o fin de semana do 19 ou 20 de decembro de 2020 en horario e pavillón aínda por determinar visitando ao conxunto galego do Marín Futsal.
E se o Amarelle descansa, o Ourense Envialia disputará, a próxima fin de semana, un dos partidos máis esperados en terras ourensás cada tempada: o derbi local entre Envialia e Cidade de As Burgas. Actuarán como locais as de Manolo Codeso que son colistas con cinco puntos menos que as de Morenín.

FICHA TÉCNICA
OURENSE ENVIALIA FSF: Vane, Chiky, María Arias, Marta Figueiredo e Andrea Feijoo – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Judith, Iria Saeta, Laura Uña, María Estévez e Jenny Lores.
VIAXES AMARELLE FSF: Leti Rojo, Martita, Yaiza, Cris Lourés e María Gómez – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Lau Doce, Patri Corral, Candela Soria e Patri Romaní.
GOLES: 1-0 Judith (min. 17); 1-1 María Gómez (min. 22); 2-1 Jenny Lores (min. 29).
ÁRBITROS: Feliz Otero e Otero Mira do Colexio de Árbitros de Ourense. Mesa: Martínez Godoy do Colexio de Árbitros de Ourense.
TARXETAS: Bea Seijas do Ourense Envialia FSF viu o cartón amarelo. Polo Viaxes Amarelle foron amonestadas con cartón amarelo as seguintes xogadoras: María Gómez, Patri Corral e Diego del Viaxes Amarelle FSF.
INCIDENCIAS : Partido aprazado correspondente á primeira xornada do Subgrupo A da Primeira División Nacional Femenina de Fútbol Sala RFEF disputado no Pazo dos Deportes Paco Paz na cidade de Ourense.