Aínda é posible matematicamente, pero poñendo os pés na terra, o ascenso do Dépor ABANCA pasa polo play-off. A propia adestradora das Nosas deportivistas admitía este punto na rolda de prensa previa ao partido desta fin de semana co Rayo Vallecano. Pero en calquera caso, as galegas buscarán rañar cada punto en liza de aquí ao final da competición na Primera Federación.
Hoxe, domingo 30 de abril, o Dépor ABANCA visita ás 11:00 no campo 4 da Fundación Rayo Vallecano ao equipo madrileño, en partido correspondente á 28ª xornada en Primeira Federación Iberdrola. Non teñen case marxe de erro para aspirar á praza de ascenso directo pero tampouco renuncia a nada.
Os resultados da fin de semana, coa derrota última en Abegondo ante o Real Oviedo (1-2), deixaron ás Nosas en 3ª posición da táboa con 46 puntos, os mesmos que o CDF Osasuna e que o SE AEM. Por diante marcha a SD Eibar (2º con 48 puntos), que agora mesmo ocuparía posto de ascenso directo; e o FC Barcelona B (líder con 55 puntos) que non pode ascender pola súa condición de filial.
Faino, en palabras da súa adestradora Irene Ferreras “con máis seguridade que nunca. É a clave para isto. Cando as cousas non van favorables, cando é moi fácil que se abran fendas, que poidas dubidar de cousas, que vemos a parte negativa, agora a mensaxe ten que ser moito máis contundente, de moita máis crenza, xuntarnos como equipo, sacar adiante o seguinte partido que teñamos sempre e seguir crendo no que fixemos”.
Pide pois a adestradora do Dépor ABANCA “soportar estes momentos, pegarte con eles, aceptar que ás veces as cousas non saen e mirar constantemente ao seguinte partido. Creo moito no crecemento do equipo independentemente dos resultados que se están dando. Estamos a sumar moitas experiencias que nos están conformando como equipo, como colectivo, que nos están facendo mellores, están a transformarnos, preparando para o que poida vir”.
Regreso de Irene Ferreras ao Rayo Vallecano
O partido é especial para Irene Ferreras, ex xogadora do Rayo Vallecano e posteriormente ex adestradora tanto do filial rayista como do primeiro equipo: “Para min ir a Vallecas é volver á miña casa. Cambiou moito a sección feminina do que eu vivín alí. A contorna é a mesma, a Cidade Deportiva é a mesma. Vaime a evocar moitas emocións e moitos recordos onde crecín como futbolista e como adestradora aprendín e vivín moitas experiencias como adestradora moi bonitas e moi duras. Cando un volve a un escenario así o que un quere é unha vitoria”, comentou en rolda de prensa á vez que desexou o domingo “un día bonito para min e para o equipo”.
O Dépor ABANCA ten a todo o cadro dispoñible e Paula Monteagudo será a representante do filial deportivista na convocatoria de 18 futbolistas elaborada por Irene Ferreras.
#AsNosas convocadas para a 28ª xornada de #PrimeraFederaciónIberdrola, o #RayoDéporABANCA de mañá ás 11:00 h. na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano de Madrid! pic.twitter.com/lP4HzLx5hz
— RC Deportivo (@RCDeportivo) April 29, 2023
Pola súa banda, o Rayo Vallecano, que acaba de igualar (0-0) en Tajonar ante o CDF Osasuna, marcha na 10ª posición con 32 puntos despois dun pésimo arranque de temporada que lle fixo ser pechacancelas nas primeiras xornadas.
Na primeira volta en Abegondo, con motivo ademais da 1ª xornada, As Nosas golearon (4-0) ás vallecanas con tantos de Cris Martínez, Marta Charle, Eva Dios e Millene.
No seu campo esta temporada o Rayo Vallecano vai de menos a máis; de feito, os seus dous últimos partidos en casa saldáronos cunha goleada ao Cacereño (3-0) e un empate (1-1) ante a SD Eibar. Ademais, derrotaron tamén ao Córdoba CF (3-1), CD Juan Grande Ginelux (1-0), Real Oviedo (2-1) e CD Alba Fundación (1-0).
Por contra, gañaron en Vallecas CDF Osasuna (1-3), FC Barcelona B (0-3), DUX Logroño (0-1) e RCD Espanyol (0-2). E finalmente tamén rabuñaron un punto o SE AEM (2-2), Athletic Club B (2-2) e Granada CF (1-1).