Esta xornada visita Abegondo o EDF Logroño. Será mañá, domingo 13 de decembro, ás 12:00 horas. En xogo, algo máis que un partido. Enfrontaranse dous rivais directos con necesidade urxente de sumar. As deportivas queren iniciar unha serie de vitorias e colleitar a primeira como locais.
Os puntos en disputa mañá na Cidade Deportiva de Abegondo, poderían aupar na táboa ao Dépor ABANCA. Non as sacarían de postos de descenso pero servirían para poñer terra de por medio cun rival directo e deixar de ocupar o faroliño vermello. O Rayo mídese á SD Eibar e o Sp. de Huelva ao Athletic Club, así que, de gañar, podería ser que o salto na táboa das branquiazuis fose de xigante.
Sporting de Huelva (6 puntos), EDF Logroño (4 puntos), Rayo Vallecano (3 puntos) e Dépor ABANCA (3 puntos) pechan a clasificación. Todos nun pano. Todos coa auga ao pescozo. Nin o Betis (7 puntos) nin o Santa Teresa ou o RCD Espanyol (ambos con 10 puntos) están libres de caer en desgraza e cambiarlle o posto a algún deles.
Desfacerse dun lastre como o de comandar a clasificación pola cola, sería un alivio que abofé que as deportivistas adoecne por deixar atrás.
Nesta undécima xornada da Primera Iberdrola vense as caras na Cidade Deportiva do RC Deportivo douse equipos que este ano non teñen o acerto nin a sorte de cara que tiveron o curso pasado. As dúas plantillas precisan un pouco de aire e sacar a cabeza dos postos de perigo e recuperar a súa alegría á hora de xogar.
Sullastres e Kenni seguen a ser baixa no Dépor
No Dépor ABANCA son baixa por lesión unha semana máis Esther Sullastres e Kenni. O resto do plantel está á disposición do adestrador Manu Sánchez.
Precisamente sobre o estado da gardamallas deportivista foi consultado Manu Sánchez na rolda de prensa previa ao encontro. O adestrador indicaba que a cancerbeira “ten un problema nun ombreiro. É un problema complicado. Está a levalo ben, é unha xogadora intelixente. Coñece o seu corpo perfectamente; pero a evolución é lenta e inesperada. Pode estar a semana que vén dispoñible como pode tardar algunha semana máis. Os médicos están pendentes, os fisioterapeutas. Ela é moi disciplinada, fai o seu traballo no ximnasio e mesmo no campo con tarefas que lle permite a súa lesión. É unha incógnita. Toca esperar que estea ben e co grupo”, concluíu o técnico das galegas.
Na convocatoria figuran as seguintes 20 xogadoras deportivistas:
Desexando gañar en Abegondo
Logo de ter acadado a pasada fin de semana o seu primeiro triunfo (ante a SD Eibar 2-4) as coruñesas aspiran a iniciar unha senda de triunfos e seguir sumando, pero ademais queren agasallar ao seu público cunha nova faciana sobre o céspede e con goles.
No vestiario, logo desa vitoria, voltaron os sorisos. Pero o adestrador deportivista, Manu Sánchez, ten os pés na terra “estou feliz por elas, pero non estou contento porque cando miras a clasificación ponche na realidade, no teu sitio”, asevera. O adestrador explica que procura “abstraerme desa felicidade efémera para ser responsable e consecuente co que temos entre mans. En canto acabamos o partido en Eibar xa estaba a pensar neste e no que temos que facer”.
Nas bancadas, en principio poderán estar até un cento de seareiras/os. Pero, en principio, o peche perimetral ao que as autoridades sanitarias teñen sometida á almendoa conformada polos concellos de A Coruña, Arteixo, Cambre e Culleredo, impediría a socias/os deportivistas desas localidades acudir aos campos de Abegondo, un municipio que non está incluído nese peche perimetral.
O seu primeiro cruce na Primera Ibedrola
Deportivistas e rioxanas protagonizarán un duelo inédito na máxima categoría do FutFem español. As circunstancias quixeron que ese partido non se chegase a disputar o pasado curso.
Na primeira volta foi a xornada na que as futbolistas foron á folga para solicitar un Convenio Colectivo que defendera os seus dereitos laborais. Na segunda volta, o cruce estaba por chegar aínda cando a competición ligueira deu en deterse por mor da pandemia de coronavirus COVID-19.
Manu Sánchez: “Tras gañarlle á SD Eibar houbo bágoas máis que sorrisos e alegría”