Despois dunha xornada accidentada en Logroño, as branquiazuis do Dépor ABANCA reencontráronse coa vitoria en casa. O equipo das coruñesas foi quen de impoñerse por un 2-1 ao Athletic Club B en Abegondo, no marco da oitava xornada da Reto Iberdrola.
O gran partido das herculinas permitiulles sumar tres puntos e mandar sobre o céspede galego na segunda metade, controlando ao filial vasco que marchou co gol da honra nos minutos de desconto. Con este resultado, as galegas son segundas na clasificación do grupo norte da división de prata, empatadas co DUX Logroño e por detrás do Levante Las Planas.
Primeira parte de imprecisións
O Dépor ABANCA tivo dificultades nos primeiros minutos de partido, cedendo ante a presión alta do Athletic Club e contra Maite Zubieta, quen lideraba a defensa vasca. As visitantes gozaron de ocasións neste tramo inicial do partido, obrigando ao conxunto de Miguel Llorente a esforzarse nas tarefas defensivas.
Co paso dos minutos, as coruñesas comezaron a apretar máis, aumentando o nivel da súa defensa, cunha imbatible Ana Valles baixo paus, e subindo o ritmo de lanzamentos na zona alta, malia sen acerto. Carlota tivo a primeira ocasión clara das herculinas, e minutos despois Eva Dios estivo preto de anotar cun disparo que tocou no traveseiro.
A gardameta rival, Astralaga, tivo que actuar ante unha gran triangulación entre María Ruiz, Adule e Eva Dios, cun disparo da canteirana que deu nas mans da cancerbeira. A galega intentouno de novo desde o bordo da área, pero o balón marchou por fóra da portería. No 37, Carlota realizou un bo disparo desde os 25 metros, pero non logrou abrir o marcador. Antes do descanso, a branquiazul enganchou un rexeitamento dun saque de esquina, pero unha vez máis o esférico marchou fóra da porta.
Segunda metade de goles
Tras o paso por vestiarios, de novo Carlota buscaba o tanto deportivista, dando inicio á segunda parte cun disparo afastado que deu na porteira vasca, pero botou no traveseiro. Este tiro foi un aviso do primeiro gol do Dépor ABANCA.
María Ruiz foi a encargada de transformar o penalti pitado polo colexiado cando Zuriñe derribou a Ainhoa Marín na liña lateral da área. A dianteira do conxunto galego non dubidou ante unha gran oportunidade e abriu a lata do partido. Malia ter o 1-0 en contra, as vascas non baixaron o ritmo e tiveron unha gran ocasión de empatar no minuto 56, pero Valles non cedeu e impediu o gol visitante.
Tirando de longas posesións, o Dépor ABANCA fíxose co mando do duelo, controlando o ritmo de partido, e xogando cunha boa circulación de balón. No minuto 67, as coruñesas estiveron preto de repetir ante a portería contraria, nunha acción iniciada por Andrea Sierra e rematada por María Ruiz.
Para facer fronte aos constantes ataques branquiazuis, o filial do Athletic Club adiantou as liñas e logrou facerse coa posesión de balón, forzando ademais varios saques de esquina. O empate ameazaba ás galegas, que aguantaron mesmo nos minutos de desconto.
Pasado xa o tempo regramentario, as locais foron quen de afianzar a súa vitoria. No minuto 91 Carlota, inagotable nos ataques, presionou en tres cuartos logrando que o balón caera en Ainhoa Martín, quen lle deu a asistencia a Ale Serrano.
Antes de que o árbitro puidera pitar o final, as vascas responderon co seu primeiro gol do partido, goleando na última acción do encontro, nunha xogada a balón parado con gol de Landaluze.
Dobre compromiso para o Dépor ABANCA
As coruñesas afrontan unha semana máis de traballo con dobre cita. O mércores, 10 de novembro, as futbolistas do Dépor ABANCA xogarán a segunda eliminatoria da Copa da Raíña ante o Granada CF, nunha competición que se xoga a partido único.
O seguinte compromiso será o sábado, 13 de novembro, coa seguinte xornada de Reto Iberdrola, que enfronta ás coruñesas co Atlético de Madrid B ás 17:30 horas na Ciudad Deportiva Wanda Alcalá de Henares.
FICHA TÉCNICA
DÉPOR ABANCA: Ana Valles, Andrea Sierra (Goretti, min. 81), Inés Altamira, Raquel García, Cris, Paula Gutiérrez, Carlota, Eva Dios, Ainhoa Marín, Adule (Alejandra Serrano, min. 90) e María Ruiz.
ATHLETIC CLUB B: Astralaga, Elexpuru, Marina Artero, Landaluze, Zuriñe (Nerea, min. 57), Maite Zubieta, Sara Ortega (Iribarren, min. 57), Mariana, Pinedo, Urzainqui (Egia, min. 83) e Jone Amezaga.
MARCADOR: 1-0 María Ruiz, de penalti (min. 53); 2-0 Alejandra Serrano (min. 90+1); 2-1 Landaluze (min. 90+3).
ARBITRAXE: Méndez Castro, do colexio galego. Sacoulle cartón amarelo a Cris (min. 30), Jone Amezaga (min. 42), Maite Zubieta (min. 45), Astralaga (min. 53), María Ruiz (min. 56), Urzainqui (min. 62), Eva Dios (min. 64) e Ale Serrano (min. 90+3).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á oitava xornada de Reto Iberdrola disputado en Abegondo ante 400 persoas.