Máis de 120 minutos de xogo (se sumamos o tempo engadido de cada período), non abondaron para que a Fundación Canaria CD Tenerife ou o Dépor ABANCA fosen quen de marcar en xogada. O partido, correspondente á segunda eliminatoria da Copa da Raíña, disputado a partido único en La Laguna, decidiuse na quenda de penaltis. Aí as coruñesas cometeron un erro e quedaron eliminadas cun tanteo de 5-4 que as deixa fóra do torneo do KO.
Noventa minutos e 30 máis de prórroga e ningún gol. Por moito que o intentasen as galegas daban de bruces coa cancerbeira local, Sara Niz, a mellor do partido. Pero tamén coa súa falta de pegada e de ideas á hora de construir ocasións sólidas.
O Dépor ABANCA acusou ausencias importantes no seu bloque. Irene Ferreras reservou a xogadoras determinantes como Ainhoa Marín, Laura Fernández, Marta Charle, Millene e Raquel García. Non viaxaron e tiveron a súa ocasión futbolistas menos habituais que deron unha boa imaxe pero a súa creación e a súa chegada non abondou para frutificar en goles o esforzo.
Nunca saberemos se co quintento que quedou na Coruña o partido tería durado tanto, pero se fose así, a decisión de Irene Ferreras tería sido boa. O Dépor ABANCA precisa reservar os seus mellores efectivos e a súa forza para a liga, aí é onde se xoga o ascenso, verdadeiro obxectivo das galegas.
En fronte, o conxunto coruñés tivo a un equipo loitador como a Fundación Canaria CD Tenerife, que non tirou a toalla en ningún momento pero so puxo en apuros a Yohana nun tiro que se lle escapou das mans á cancerbeira deportivista. Sumémoslle un gol anulado ás locais no 82 de partido no que tampouco Yohana atrababa o esférico e Mara remataba pero en posición de fóra de xogo (de aí que o tanto no subise o marcador).
Comeza a prórroga sen cambios n #asnosas! 📺 Podes seguir o #FundaciónCDTDéporABANCA da #CopaDeLaReina en directo no canal de Youtube do @CDTOficial! pic.twitter.com/j6QkMJzVbU
— RC Deportivo (@RCDeportivo) October 19, 2022
Na prórroga, sobre todo no seu segundo tempo, as forzas de ambas as dúas escuadras estaban ao límite. Non se moveu o marcador e chegouse á quenda de penaltis. Yohana non puido parar ningún dos disparos das tinerfeñas, mentres que nas filas coruñesas Patri López erraba o terceiro lanzamento das deportivistas. Foi definitivo. O partido quedou 5-4 para as locais que continúan vivas no torneo do KO, mentres que as galegas din adeus á Copa da Raíña.
#CopaDeLaReina#FundaciónCDTDéporABANCA
Quenda de penaltis ⚽️✅ Inés Altamira (0-1)
✅ Aida Fanals (1-1)
✅ Eva Dios (1-2)
✅ Iratxe (2-2)
❌ Patri López (2-2)
✅ Jaramillo (3-2)
✅ Sara Navarro (3-3)
✅ Ari Quintana (4-3)
✅ Henar (4-4)
✅ Yesenia (5-4)— RC Deportivo (@RCDeportivo) October 19, 2022
Seguinte rival en Liga do Dépor ABANCA, o Athletic Club B en Lezama o domingo
O equipo que adestra Irene Ferreras xa pensa no seguinte reto. Será na liga, na Primera Federación na que militan as herculinas. A cita está fixada para o domingo 23 a partir das 12:00 en Lezama. O rival é o Athletic Club B. O cruce corresponde á sexta xornada en Primera Federación FutFem.
FICHA TÉCNICA
5) FUNDACIÓN CANARIAS CD TENERIFE: Sara Niz, Poletto (Jaramillo, min. 91), Aida Fanals, Bea Borrego, María Ramos, Marta Gąsienica (Paola, min. 75), Mara (Yesenia, min. 106), Marina (Adriana, min. 58), Lida Riveiro (Carla, min. 46), Ari Quintana e Xisela (Iratxe, min. 46).
4) DÉPOR ABANCA: Yohana, Patri López, Lorena Reina, Inés Altamira, Samara (Paula Novo, min., 71), Sara Navarro, Carlota Sánchez, Paula Gutiérrez (Henar, min. 71), Eva Dios, Aroa Guerra (Noela, min. 71) e Carlota Suárez (Cris, min. 97).
PENALTIS: Inés Altamira (0-1), Aida Fanals (1-1), Eva Dios (1-2), Iratxe (2-2), Patri López (para Sara Niz, 2-2), Jaramillo (3-2), Sara Navarro (3-3), Ari Quintana (4-3), Henar (4-4) e Yesenia (5-4).
EQUIPO ARBITRAL: Cecilia Laura Muñoz di Giovambattista (c. catalán). Cartón amarelo a Xisela (min. 35), Mara (min. 40), Iratxe (min. 62), Aida Fanals (min. 108) e Eva Dios (min. 120+2).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á segunda eliminatoria, a partido único, da Copa da Raíña 2022 disputado no campo 2 da Cidade Deportiva de Tenerife Javier Pérez en La Laguna (Tenerife). Nas bancadas houbo seareiras galegas, entre delas a ex capitá do Dépor ABANCA, Mirian Ríos.