Renovacións, fichaxes, futbolistas da canteira que se incorporan definitivamente ao primeiro equipo… o Dépor ABANCA 2025-26 vai tomando forma segundo se van coñecendo as deportistas que serán parte do cadro das Nosas para o vindeiro curso. Á fronte do banco continuará Fran Alonso. As deportivistas mantiveron a categoría a pasada tempada e repetirán na Liga F, máxima competición do fútbol feminino estatal.
As caras novas das Nosas deportivistas son polo de agora catro:
- Colette Cavanagh (Glasgow, Escocia, 24 de novembro de 1998.
- Merle Barth (Waldbröl, 21 de abril de 1994).
- Esperanza Pizarro Pagalday (15 de abril de 2001, Uruguai).
- Sara Extremera Solá (Barcelona, 4 de outubro de 2001).
Merle Barth, unha central alemá que chega do Atlético de Madrid
A central alemá Merle Barth (Waldbröl, 21 de abril de 1994) convertíase no arranque de xullo en nova xogadora do Dépor ABANCA para a temporada 2025-26. Merle Barth chega procedente do Atlético de Madrid, recente clasificado para a UEFA Women’s Champions League, club ao que se incorporou en 2022 e co que disputou 11 partidos na última campaña, cinco deles como titular.
Ver esta publicación en Instagram
Un deses encontros foi, precisamente, o que enfrontou ao Dépor ABANCA co conxunto branquivermello en ABANCA-RIAZOR o pasado 16 de febreiro, e que finalizou con empate sen goles. Merle Barth participou naquel partido entrando no minuto 76.
Antes da súa etapa en España, a nova defensora branquiazul desenvolveu toda a súa carreira en Alemaña. Formouse e xogou durante dez temporadas no Bayer Leverkusen, e posteriormente militou no Turbine Potsdam, acumulando máis de 200 partidos na elite do fútbol alemán.
Ver esta publicación en Instagram
Espe Pizarro, unha extremo internacional con Venezuela
Tamén no arranque do mes de xullo o Dépor ABANCA facía pública a incorporación para a tempada 2025-26 de Esperanza Pizarro Pagalday (15 de abril de 2001, Uruguai), coñecida futbolísticamente como Espe Pizarro.
A deportista xoga de extremo, procede do Eibar SD e en tres tempadas disputou un total de 84 partidos repartidos en dúas temporadas en Liga F e unha en Primera Federación FutFem nas que anotou un total de 8 goles en liga, 1 en Copa de la Reina e 4 asistencias. Algún deles foi de bela factura, como o que marcou ao Madrid CFF desde case 40 metros e por todo o recanto para dar ao seu equipo o triunfo.
Ver esta publicación en Instagram
Espe Pizarro chegou ao conxunto vasco na temporada 2022-23 en Primera Federación FutFem procedente do seu club en Uruguay, o Nacional de Montevideo. É internacional uruguaia e está convocada para disputar a Copa América do mesmo xeito que outra deportivista, Michi Apóstol, con Venezuela.
A lateral esquerda escocesa Colette Cavanagh súmase ao Dépor ABANCA
Colette Cavanagh (Glasgow, Escocia, 24 de novembro de 1998) será unha máis das pezas que Fran Alonso deberá mover sobre o tepe do Estadio ABANCA-RIAZOR o vindeiro curso. O contrato da futbolista co conxunto galego é até xuño de 2027.
Ver esta publicación en Instagram
Esta defensa lateral esquerda caracterízase “pola súa polivalencia procede do Celtic de Glasgow, club no que militou as dúas últimas temporadas”, din desde a entidade deportivista. A campaña pasada (2024-25) xogou un total de 30 partidos na liga escocesa, con 1 gol e 4 asistencias; e 4 encontros na Champions League. No seu primeiro ano (2023-24) no Celtic, participou en 31 choques con 5 goles e 4 asistencias.
A nova xogadora deportivista vestiu tamén a camiseta doutros dous grandes clubs de Escocia: Glasgow Rangers na temporada 2022-23 con 12 partidos e 6 goles; e Hibernian, de 2019 a 2022. Colette Cavanagh é ademais internacional escocesa sub-15 e sub-16.
Ver esta publicación en Instagram
Sara Extremera, lateral esquedra ex do Espanyol, Barça e Real Madrid
Esta mesma semana coñecíase a fichaxe polo Dépor ABANCA da lateral esquerda Sara Extremera Solá (Barcelona, 4 de outubro de 2001). Trátase dunha futbolista formada na canteira do RCD Espanyol e cunha etapa tamén na do FC Barcelona, procede do Real Madrid B, equipo ao que chegou na temporada 2023-24 en Segunda Federación e co que logrou o ascenso.
Ver esta publicación en Instagram
A temporada pasada, en Primera Federación, Sara Extremera, xogou co filial branco 21 partidos, 18 deles como titular. No RCD Espanyol logrou o ascenso a Primera Nacional co filial (2018-19) e á temporada seguinte proclamouse campioa da categoría.
Finalmente na temporada 2021-22 ascendeu a Primera División co primeiro equipo espanyolista após xogar 29 partidos, sendo pois unha das indiscutibles no once inicial.
Ver esta publicación en Instagram
A asturiana Olaya, de cedida a fichaxe
Olaya Enrique Rodríguez (Avilés, Asturias, 10 de maio de 2005) renova o seu contrato polo Dépor ABANCA e faino até xuño de 2028. Na súa primeira temporada en ABANCA-RIAZOR, cedida polo Real Madrid CF, converteuse nunha das referentes ao xogar 29 partidos e marcar 5 goles.
Antes de chegar ao Dépor ABANCA, na temporada 2023-24, na que alternou o primeiro equipo branco co filial, participou en 6 partidos en Liga F e noutros 2 na Liga de Campións Feminina. Co segundo equipo madridista logrou o ascenso a Primera Federación Iberdrola con 14 encontros xogados (13 como titular) e con 2 goles anotados.
Olaya formouse en varios clubs asturianos como o Femiastur, Real Avilés CF, Versalles, Real Avilés ou o Sporting de Gijón antes de dar o salto ao Real Madrid CF na temporada 2022-23.
É internacional española sub-16; campioa do mundo e subcampioa de Europa en 2022 coa selección española sub-17; campioa de Europa coa sub-19 en 2023; e internacional sub-20.

Cando se comunicou a súa fichaxe polo club coruñés, xa non cedida se non como xogadora branquiazul, Olaya declaraba: “O Dépor ABANCA deumo todo. Desde que cheguei deumo todo, tanto futbolísticamente como polo grupo que tiñamos. As persoas achegaron todo para que puidese asentarme en Liga F que era un dos nosos obxectivos persoais”.
A futbolista salientou nuna entrevista publicada na canle de YouTube do club deportivista que a xente “na Coruña, no Dépor, no staff é unha marabilla. É incrible tanto como Club e como cidade. É unha marabilla. Estou encantada e por iso tomei esta decisión”.
Tal e como manifestaba Olaya este é para ela “un paso moi importante na miña carreira. Teño algo dentro que me di que estou a facer as cousas ben, que esta decisión é a correcta. Teño ganas de ver que pasa todos estes anos; e de gozar co grupo e co staff do que fagamos”.
Cesións que se prolongan do Dépor ABANCA: Inês Pereira e Marina Artero
Ademais das futbolistas que chegan novas, hai outras moitas que renovaron o seu compromiso con Dépor ABANCA. Unha das renovacións máis desexadas pola bancada era a da cancerbeira lusa Inês Teixeira Pereira (Sintra, Lisboa, 26 de maio de 1999). Finalmente a porteira da selección de Portugal seguirá defendendo a portería do Dépor ABANCA cedida polo Everton FC inglés na temporada 2025-26.
Na súa primeira campaña en ABANCA-RIAZOR xogou 28 partidos en Liga F de 30 posibles, cun total de 2.520 minutos. O seu debut en España foi de tal impacto que encabezou 3 clasificacións ligueiras: media de paradas por partido (9), total de paradas (252) e máis paradas dentro da área (84).
Formada no Estoril Praia, fichou a continuación polo Sporting CP, club co que se proclama campioa de Liga, Copa e Supercopa lusa (2017-18). A 3 últimas campañas antes do Dépor ABANCA militounas no Servette, co que gañou unha liga (2023-24) e 2 edicións de Copa.

Ademais de sub-17 e sub-19, Inês Pereira é internacional absoluta con Portugal coa que está a disputar a Eurocopa. O seu amplo currículo complétano 14 participacións na Women´s Champions League.
Sigue no Dépor ABANCA pero tamén en condición de cedida a central vasca Marina Artero Moreno (Barrika, Biscaia, 14 de outubro de 2005) que continuará por segunda temporada consecutiva no Dépor ABANCA cedida polo Athletic Club.
Na súa primeira temporada en ABANCA-RIAZOR, a defensora vasca participou en 17 partidos en Liga F e 3 en Copa de la Reina. Esta central que tamén pode actuar como centrocampista formouse no club da súa localidade natal, o Barrika FE. Após un paso polo Bizkerre FT recalou nas categorías inferiores do Athletic Club na temporada 2018-19, en categoría infantil.
Marina Artero é internacional sub-16; subcampioa de Europa sub-17 na que anotou mesmo 1 gol na final ante Alemaña e campioa do mundo como capitá e titular en todos os partidos; campioa de Europa sub-19 en Lituania; e mundialista sub-20 nun torneo en Colombia no que alcanzou os cuartos de final.
Renovacións
Lucía Martínez González (Madrid, 27 de novembro de 2001) renovou o seu compromiso co Deportivo ABANCA por unha temporada, até xuño de 2026. Formada nas categorías inferiores do Rayo Vallecano e do CD Fundación Albacete, chegou ao conxunto branquiazul no mes de xaneiro de 2024 despois de xogar temporada e media na Liga F defendendo as cores do Alhama CF (campaña 2022-23) e do Granada CF (primeira metade do curso 2023-24).

En abril coñecíase a renovación de Millene Cabral até o 2027. Foi o propio Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA, quen daba a coñecer a noticia en rolda de prensa e subliñaba ante os medios que se trataba dun “día especial após confirmar que Millene vai seguir connosco polo menos até 2027. Estamos todos moi ilusionados. Forma parte da historia do club. Foi moi importante para nós esta temporada. O ano pasado foi a máxima goleadora da categoría, 4ª máxima goleadora da historia do Club. Os datos falan por por si sós”.
Resalta ademais “todo o que o que reflicte a nivel futbolístico, o que vedes cada día, o que achega e o que achega a nivel humano é o que fai que esteamos nun proxecto serio, que sigamos crecendo e que estamos encantados de que siga”.

Pola súa banda, a futbolista brasileira Millene Cabral asegurou estar “moi contenta. Sempre quixen estar aquí e as sensacións son as mellores. Levamos moita historia xuntos o Club e eu e a verdade é que me fai moita ilusión poder seguir construíndo e crecendo con este Club”.

A central Vera Martínez renovou tamén antes do fin da tempada até xuño de 2026. Kevin Cabado, responsable subliñou cando se fixo pública a súa fichaxe que “encaixou no grupo desde o primeiro momento, sentiu o deportivismo como seu e a importancia vese en que disputou todos os minutos na Liga F sendo das poucas xogadoras que en facelo”.
Confesaba que “estamos moi orgullosos de que siga connosco e de que máis aló do futbolístico representa uns valores humanos que queremos que estean presentes no vestiario do Dépor ABANCA” e “oxalá podamos estar aquí máis veces para anunciar que segue connosco”.
Pola súa banda, Vera Martínez dixo estar “moi feliz de poder estar aquí un ano máis. Foi unha decisión fácil. É un club onde encaixei ben tanto coas compañeiras como cos corpos técnicos que estiveron”. A futbolista asegurou “sentir o Club coma se fose a miña casa e así o tento demostrar cada fin de semana”. “Sentir que estaba en casa, que non me faltaba nada, que tiña o apoio por todas as partes e logo no campo adestrando cada día ou nos partidos teño a oportunidade de aprender, de gozar e de seguir crecendo. Iso é o que che fai sentir como en casa”, engadiu.
Eva Dios, ADN galego na lista de renovacións
Tamén será deportivista pero ata 2029 a galega Eva Dios que xa no mes de marzo comprometía o seu futuro coa entidade branquiazul.
Eva Dios Nieto (A Illa de Arousa, Pontevedra, 4 de Marzo de 2002) incorporouse ao Deportivo ABANCA B no verán de 2020 procedente do Viajes Interrías FF, despois de comezar a súa traxectoria no Céltiga CF para, posteriormente, xogar no Portonovo SD e o Victoria FC de Santiago.
Con todo, pouco tardou en dar o salto ao primeiro equipo para xa non abandonalo. Desde o seu debut, o 31 de outubro de 2020 fronte ao Santa Teresa CD en Abegondo, Eva Dios xa suma máis de 125 encontros oficiais coa camiseta branquiazul.

Paso adiante das canteirás Elena Vázquez e Paula Monteagudo
Xa estaban contando no primeiro equipo deportivista pero desde esta tempada deixan de ser xogadoras do Dépor ABANCA B para ser unha nova aposta pola canteira do club herculino. Falamos da zagueira de Carballo Elena Vázquez e da viguesa Paula Monteagudo.

As canteirás Paula Monteagudo Ibáñez (Vigo, Pontevedra, 9 de maio de 2002) e Elena Vázquez Brandón (Carballo, A Coruña, 8 de outubro de 2007) incorpóranse para todos os efectos ao Dépor ABANCA, no que desde o club coruñés consideran “unha mostra máis do compromiso e da confianza do Club na canteira de Abegondo”. Ambas chegan após conseguir o título a temporada pasada no grupo 1º de Tercera Federación, co consecuente ascenso a Segunda.

Paula Monteagudo incorporouse ao Deportivo ABANCA B na temporada 2021-22, procedente do Sárdoma CF. Na súa primeira campaña en Abegondo disputou 20 partidos, todos eles de titular, e anotou 12 goles. Na campaña 2022-23, xa en dinámica do primeiro equipo, foi titular no filial os 12 partidos nos que foi convocada e marcou 10 goles. No Dépor ABANCA participou en 16 partidos, 8 deles como titular.
No exercicio 2023-24, Monteagudo disputou 2 encontros de liga co primeiro equipo, mentres que co B xogou 28 partidos e marcou 16 goles. A temporada recentemente finalizada, a futbolista pontevedresa xogou 29 partidos no filial, todos eles de titular, e anotou 21 goles. Así pois, Paula Monteagudo suma 18 aparicións oficiais co primeiro equipo; e 89 encontros e 59 goles co Dépor ABANCA B.
“Despois de 4 anos no Club creo que é o momento de dar un paso adiante. Teño moitas ganas de afrontar este novo reto e moita ilusión depositada nel”, afirmou. Finalmente agradeceu ao Club “toda a confianza depositada en min”.

Pola súa banda, Elena Vázquez, no curso 2022-23, alternou participacións co Orzán SD e o Dépor ABANCA B. A futbolista carballesa proclamouse subcampioa de Europa coa selección española sub-17, pola que foi convocada a pesar de ter só 15 anos.
A defensa branquiazul debutou co Dépor ABANCA nun amigable co Deportivo Alavés Gloriosas disputado o 17 de febreiro de 2023. Na 2023-24 converteuse na xogadora máis nova en debutar en partido oficial co Dépor ABANCA, con só 15 anos. Foi no encontro da 1ª xornada de Primera Federación FutFem en campo da CE Europa (1-2), no que ademais deu a asistencia do tanto da vitoria. Elena completou o curso con 9 aparicións (8 en Liga e 1 en Copa de la Reina), 5 delas como titular, co primeiro equipo, que alternou co filial.
Elena Vázquez, que debutou co primeiro equipo con 15 anos di estar: “moi orgullosa de poder pertencer ao primeiro equipo do Dépor. Desde que es pequena o soño é aspirar ao primeiro equipo e máis o da túa cidade”
No seu tres campañas co Dépor ABANCA B sumou 49 partidos (42 deles no once inicial), nos que anotou 7 goles. Na última temporada das Nosas, xa en Liga F, Elena Vázquez participou en 8 partidos, 4 deles como titular.

A futbolista de Carballo móstrase “moi orgullosa de poder pertencer ao primeiro equipo do Dépor. Desde que es pequena o soño é aspirar ao primeiro equipo e máis o da túa cidade”.
Do mesmo xeito que Monteagudo, Elena Vázquez agradece por “desde o primeiro momento darme todas as facilidades e poder facer que isto se conseguise máis fácil”.
As seis que marchan
Na outra cara da moeda están as futbolistas que deixan de defender a elástica branquiazul. É o caso de Ana de Teresa ‘ADT’, Francisca Lara, Patrícia Hmírová, Elyse Bennett, Ayaka Noguchi e Blessing Nkor que non continúan no Dépor ABANCA a vindeira tempada





















