A COVID-19 pasoulle factura ao CW Pontevedra, como a tantos outros equipos, e agora busca reactivar as súas fichas cunha campaña de inscricións. Despois dun ano sen competir, o club de waterpolo quere superar o centenar de licencias.
Desde a propia entidade informan de que retomaron a actividade, aínda que non a competición, en xullo do 2020 co obxectivo de que as súas deportistas mantiveran unha boa condición física. Porén, a actual situación sanitaria non motivou novas altas que cubriran as habituais baixas de cada tempada, polo que o número de fichas descendeu respecto a outros cursos.
Afortunadamente, o CW Pontevedra puido seguir contando coa maioría de deportistas e familias, que se mantiveron “fieles ao club e demostrando o seu gran compromiso”.
Adéntrate no waterpolo cun mes gratuíto co CW Pontevedra
Como parte da súa campaña, o club pontevedrés ofrece durante o mes de maio unha proba gratuíta para os nenos de entre 8 a 13 anos e para nenas sen límite de idade. Desde o club recordan que se cumprirán todas as medidas de seguridade e control sanitario por mor da COVID-19.
Os horarios, que poderán modificarse segundo as restriccións, son:
- Benxamín (nados entre 2011 e 2013): Luns, Martes, Xoves -16:15 a 17:00 h – Piscina Rías do Sur.
- Alevín (2009-10): Luns, Martes, Xoves – 17:00 a 17:45 h – Piscina Rías do Sur.
- Infantil (2007-08): Martes-Xoves – 19:15 y 21:15 h / Mércores– 18:15 a 19:45h – Piscina Rías do Sur.
- Mozas desde 15 anos: Luns e Mércores – 19:45 a 21:45 h / Venres – 18:00 a 20:00 h – Piscina Rías do Sur.
As persoas interesadas en iniciarse no waterpolo poderán contactar co CW Pontevedra no mail info@waterpolopontevedra.com ou no número 604 00 20 18 e nas redes sociais.

Protocolo de prevención na práctica do waterpolo
O equipo pontevedrés informa de que retomou os adestramentos en xullo, cumprindo estrictos protocolos de seguridade e adestrando sen contacto, cos obxectivos de traballar nos aspectos de condición física, técnica e táctica e de forma lúdica e en equipo.
Tendo en conta os beneficios desta modalidade e que se pode realizar de maneira segura, o conxunto considera que pode abrir as portas a novas incorporacións.
O CW Pontevedra recorda que varios estudios avalan a seguridade sanitaria, como o da Barcelona International Water Polo Academy ou esta publicación da Real Federación Española de Natación. Ao realizarse nun medio acuático, conleva menos risco de infección por COVID-19.
Desde Pontevedra, a entidade anima a probar “un dos deportes máis completos e divertidos, nun club onde a nosa filosofía é que non só formamos deportistas, sobre todo formamos persoas”.