- O equipo dirixido por Manuel Blanco e Charly Suárez impúxose na final ao Barça por 3-0
- Nunha intensa semana de Campionatos de España o Júnior Masculino finalizou 4º, o infantil feminino (anfitrión da súa competición) foi 7º e o infantil masculino 15º
O CV Arenal Emevé volve tocar a gloria en categorías inferiores: o seu equipo júnior feminino é o novo Campión de España. O conxunto dirixido por Manuel Blanco e Charly Suárez logrou o sexto título na historia do club nun torneo, celebrado en Zaragoza, no que a colocadora das Loitadoras, Ainara Burgo, foi designada a MVP.
As lucenses do CV Arenal Emevé dominaron a cita de principio a fin. Impuxéronse por 3-0 a CB Valdefierro, CV Torrent e Barça na fase de grupos. En oitavos dobregaron, tamén por 3-0 a Vóley Praia Madrid e en cuartos venceron por 3-1 a CVS Enerxía Sóller. O partido máis disputado foi o de semifinais, no que as Loitadoras tiveron que suar ata a última pinga para impoñerse por 2-3 a Depol Feel Alcobendas. O tanteo do tie break, 18-20 fala ás claras do igualadas que estiveron as forzas neste duelo.
Na final volveron verse as caras co Barça e o equipo lucense non deixou lugar á sorpresa: 21-25; 14-25; 23-25 e a celebrar na Fuente de los Leones á súa chegada a Lugo. Ademais da mellor xogadora do torneo, Ainara Burgo; destacaron tamén algunhas das compañeiras coas que comparte equipo en Liga Iberdrola: Alejandra Pérez, Carolina Camiño, Candela López, Uxía García e Lida Figueira. Tamén deixaron patente que veñen con forza algúns dos novos valores como Uxía Cela, Carla Ferreiro, Jessica Ogochuwku e Olalla González.
Nunha intensa semana, na que se disputaron varios Campionatos de España, a canteira do CV Arenal Emevé regresa con resultados moi satisfactorios como o 4º posto do júnior masculino, o 7º de infantil feminino (anfitrioas do torneo en Lugo) ou o 15º do infantil masculino.