A pesar dun inicio fulgurante, non puido ser. O CR Majadahonda foi un adversario moi sólido e selou o seu triunfo diante do CRAT Residencia Rialta nunha excelente segunda parte. O resultado final do partido foi de 45-14 para as locais.
Así e todo, as coruñesas aínda poden lograr unha praza nas semifinais. O CRAT Residencia Rialta necesita gañar a Eibar, sumar bonus e tamén que Sant Cugat perda nesa última xornada sen sumar o punto extra defensivo. Complicadísimo, si, pero posible.
Tras tirar de épica e superar ás líderes Cocos a pasada xornada, o CRAT Residencia Rialta víase obrigado a saír vitorioso da súa visita ao CR Majadahonda. O Comité Nacional de Arbitraxe sancionara a Eibar e o rival directo polo pase aos play-offs pasou a ser Sant Cugat. Precisamente, vascas e catalás gañaron os seus duelos esta xornada, aínda que Sant Cugat non sumou bonus ofensivo, polo que o CRAT comezaba o seu partido sabendo que, se lograba o bonus, dependería de si mesmo na última xornada. De todos os xeitos, se xa era tarefa dificilísima vencer no Valle del Arcipreste, máis o sería conseguir o punto extra.
Nicky avanzou e Mariana culminou polo á dereita do CRAT Residencia Rialta para anotar un ensaio na primeira acción do partido. Anita sumou dous puntos máis co pé: 0-7, un comezo insuperable. As majariegas non viñeron abaixo e no minuto cinco lograban ensaiar. Coa presenza na bancada do seleccionador estatal, Juan González Marruecos, o choque prometía ser rápido e de anotación alta.
A dianteira do CRAT Residencia Rialta salvaba o pousado do rival case sobre a liña. CR Majadahonda non saía da 22 coruñesa. Ás rinas caéuselles o balón no último momento. Finalmente, chegou o ensaio local ao cuarto de hora de xogo, aínda que sen sumar puntos ao pé.
Lesión de Anna Caplice no CRAT
Anna Caplice abandonaba o campo por lesión e entraba no seu lugar Divi. O CRAT Residencia Rialta necesitaba repoñerse e xogar en terreo contrario. Con todo, Marta Fresno, previa acción espectacular, habilitou a Claudia Pérez para poñer ao locais oito arriba.
A boa noticia era que o CR Majadahonda non sumaba puntos a paus. E Mariana, claro. A venezolana, de novo, percorreu a banda dereita para ensaiar. Ceci posibilitaba esa xogada tras un placaje gañador e Anita levaba o marcador a 15-14. O ataque galego era de efectividade máxima. Un retido na última acción da primeira parte permitiu ás madrileñas conseguir tres puntos co pé: 18-14 ao descanso.
A segunda parte ía ser dun marcado dominio majariego. Alba viu a amarela ao comezo e as rinas aproveitaron a súa superioridade para ensaiar por medio de Luisina Contreras. Esa tarxeta marcaría o resto do encontro. Mariana, tamén en defensa, conseguiu frear a Cristina Calderón ao bordo do ensaio, pero, pouco despois, Contreras pousaba de novo. As madrileñas sumaban e sumaban e cun 37-14 a remontada parecía imposible. Foi. As galegas non lograron gañar como visitantes esta tempada.
O 16 de abril o CRAT Residencia Rialta xogará o seu último partido en Elviña esta tempada. Antes da sanción, prometía ser un enfrontamento a todo ou nada con Eibar. Tras caer en Majadahonda, as galegas necesitan sumar cinco puntos coa vitoria e que falle Sant Cugat. Sería algo épico.
FICHA TÉCNICA
CR MAJADAHONDA: Marta Estellés (entra Abril Martín min. 10), Macarena del Valle (entra Luisa Pérez min. 73), Paula Hernández (entra Ana Malo de Molina min. 73); Irene Garrido, Diana Guerrero; Rocío Rodera (entra Silvia Hernández-Vaquero 52), Cristina Cueto (entra Susana Gutiérrez min. 41), Vico Gorrochategui; Luisina Contreras, Lucía Díaz; Yelyzaveta Havrylova (entra Marta Cantabrana min. 41), Marta Fresno (Marta Pro min. 65), Alba Vives (entra Isabel Romón min. 41), Claudia Pérez e Cristina López.
CRAT RESIDENCIA RIALTA: Nicky, Miri (entra Valle min. 41), Maica; Kyra, Pimi; Anna Caplice (entra Divi min. 21), Judith, Maria Morant; Alba Lalín (entra Leire Gorrotxategi), Anita; Mariana, Elsa, Ceci, Alborota y Jess (entra Quen min. 35)
ANOTACIÓNS:
- 0-7 min. 1: ensaio de Mariana e transformación de Anita
- 5-7 min. 5: ensaio de Havrylova
- 10-7 min. 16: ensaio de Havrylova
- 15-7 min. 24: ensaio de Claudia Pérez
- 15-14 min. 27: ensaio de Mariana e transformación de Anita
- 18-14 min. 39: convertido de biqueira por Cristina López
- 25-14 min. 46: ensaio de Luisina Contreras e transformación de Cristina López
- 32-14 min. 50: ensaio de Luisina Contreras e transformación de Cristina López
- 37-14 min. 56: ensaio de Silvia Hernández-Vaquero
- 40-14 min. 73: convertido de biqueira por Cristina López
- 45-14 min. 79: ensaio de Cristina López
EQUIPO ARBITRAL: Andoni Susperregi. Amosou cartón amarelo a Alba Lalín (min. 45).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á decimoterceira xornada da Liga Iberdrola de rugby disputado no Estadio del Valle del Arcipreste en Majadahonda (Madrid).