O GPS 7s Copa da Raíña Iberdrola de rugby que se está a celebrar na Coruña comezou con grandes resultados para o equipo anfitrión, o CRAT Residencia Rialta. As coruñesas acadaron un pleno de vitorias que as sitúan como líderes do grupo B e aspirantes ao ouro.
Este torneo da modalidade olímpica do deporte oval deixou como campións do grupo A na primeira fase ao Majadahonda e o Eibar, ao xa mencionado CRAT e ao Complutense Cisneros no grupo B e ao CDU Sevilla e Sanse Scrum no C.
Como mellores terceiros, Olímpico de Pozuelo e Rugby Turia tamén pasan aos cuartos de final. Con estes resultados, AD Ingenieros Industriales Las Rozas, CR Sant Cugat, León e XV Hortaleza loitarán polas posicións entre 9º e 12º.
O CRAT domina nun grupo de expertos
O club coruñés do CRAT foi quen de alzarse como campión desta primeira fase cun pleno de vitorias. As herculinas competían nun grupo con outros dous equipos experimentados, que xa saben o que é ser campións de Liga Iberdrola.
As galegas sentíronse cómodas en casa e deron un espectáculo de rugby sendo claramente superiores ás súas rivais e sumando tres triunfos. No primeiro deles, as pupilas de Helen Roca e Jos Portos dominaron sen problemas ao León RC, cun resultado de 17-0.
🏉 Segunda vitoria do día para o @CRAT1976 na Copa da Raíña 7s‼️
As coruñesas derrotaron en Elviña ó Pozuelo (15-12) pic.twitter.com/fxgpk6Zw4a— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) June 19, 2021
No segundo encontro da mañá, as coruñesas dobregaron ao Olímpico de Pozuelo, xa con máis dificultades, nun apaixonante duelo que finalizou cun axustado 15-12. No último encontro do día, o CRAT demostrou o seu gran nivel ante o CR Cisneros, vencendo por un 24-15.
Todos os partidos puideron seguirse vía streaming grazas á canle de Youtube da Federación Galega de Rugby.
A loita polo título de campioas da Copa da Raíña 7s Iberdrola continuará este domingo, desde as 09:00 horas. Podedes seguila aquí: