O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar estivo presente os días 9 e 10 de decembro no I Foro de Clústeres do Deporte, evento ao que tamén acudiron Indescat, de Cataluña; Andorra Esports Cluster; Clúster Deporte y Ocio de Extremadura; Aneta (Asociación Nacional de Empresas de Turismo Activo); Aeesdap (Asociación Española de Empresarios de Servicios Deportivos a las Administraciones Públicas), e Afydad (Asociación Española de Fabricantes y Distribuidores de artículos deportivos).
O Foro, que contou co apoio da xunta de Extremadura, tivo lugar en El Anillo, o Centro Internacional de Innovación Deportiva no Medio Natural, situado en Cáceres. Tras as dúas xornadas de traballo Sofía Toro, xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, sinalou que “foron reunións de moito proveito da que sairán proxectos moi beneficiosos para o conxunto da industria do deporte”.
Obxectivo: mellorar a competitividade do sector
Segundo informan dede o organismo galego, durante as dúas xornadas Toro, xerente do Clúster acudiu a diferentes reunións que tiñan por obxectivo trazar unha liña de traballo conxunto co fin de mellorar a competitividade do sector do deporte. Os obxectivos cos que se celebrou o encontro foi impulsar a profesionalización da industria do deporte en España e Andorra e artellar unha rede sólida de organizacións empresariais da industria do deporte.
Ademais, a coruñesa recoñeceu que “para nós, que somos unha entidade de recente creación é moi valioso poder compartir coñecementos e experiencias con Clúster como o de Cataluña ou o de Andorra que levan moitos anos traballando a reo para o seu sector, acadando resultados e dándolle ao deporte o recoñecemento que falta en Galicia, onde somos unha referencia pero onde probablemente non temos o status que merecemos”.
Tras a xornada do venres, a presidenta do Clúster de Extremadura, Rosario Pérez Alonso, explicou que “queremos que evolucione o papel das organizacións empresariais vencelladas á cadea de valor da Industria do Deporte. Este foro pretende ser o inicio dun novo marco de colaboración entre as entidades de España e Andorra, iniciamos un camiño que ten por obxecto cooperar para competir nun entorno que necesita cada vez respostar novas preguntas e que precisa contar con máis profesionais”.
O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que representa a unha industria que supón o 2,5% do PIB de Galicia e que da emprego a máis de 12.000 persoas, xa conta con preto de 60 empresas asociadas.