As xogadoras do Club Waterpolo Pontevedra deron esta fin de semana un golpe sobre a mesa en toda regra. Esta fin de semana as deportistas galegas deixado claro que o traballo que están a realizar está a dar os seus froitos, gañando nada menos que a un equipo como UE Horta – Haxelia, histórico do waterpolo catalán e colíderes da categoría.
Como cada partido, as pontevedresas saíron con moita actitude e intensidade, pero cunha diferenza que están a empezar a deixar ver despois do paron de Nadal, e é a orde ofensiva e defensiva que están a manter todo o partido, superando momentos adversos e non deixando en ningún momento de manter a calma.
O resultado foi durante gran parte do partido favorable, pero cara ao final do xogo, UE Horta – Haxelia empatou, e a falta de poucos segundos para acabar non se puido gañar no tempo regulamentario. Tocaba lanzar unha quenda de penaltis para desempatar, novidade esta tempada, e as xogadoras moi decididas conseguiron ser máis efectivas desde os 5 metros que as rivais.
Mención especial para a porteira das galegas, Alejandra Gallegos, que foi unha das mellores do partido, a pesar de pasar o día anterior con problemas de saúde, pero as súas ganas, actitude e aptitude fixeron que estivese moi ben en todo o partido chegando a deter tres penaltis.
Cuarta praza para o Club Waterpolo Pontevedra
Con esta vitoria, o Club Waterpolo Pontevedra colócase cuarta na clasificación da Primera Nacional do watepolo feminino estatal. Trátase dunha posición moi meritoria para un equipo que acaba de ascender este curso.
Agora non cabe relaxación ningunha e as mozas xa están a pensar no seu seguinte rival, que será un partido moi difícil en Mallorca.
Desde o Club Waterpolo Pontevedra trasladan o seu “máis sincero agradecemento á Escola Naval Militar de Marín polas súas facilidades para poder xogar os nosos partidos como locais”.
FICHA TÉCNICA:
13) CLUB WATERPOLO PONTEVEDRA: Alejandra Gallegos, Uxía Ferreira, Valentina Restrepo (2), Karla Hernández (1), Iria Amoedo (1), Andrea Fernández, Sara Vanegas (1), Izaskun Tellería (3), Rocío Ferreira, Carmen Carrera (1), Irene Esteban (2) e Andrea Andión (2).
11) UE HORTA – HAXELIA: Ariadna Caldú, Nerea Lozano, Ana Rubio (4), Megan Jade, Ariadna Viadel, Eva Alegre, Paula López (1), Ainnhoa Pinar, Nuria Montesinos (2), Laia Terol (2), Laia Pizarro, Carla Noguera (2) e Aroa Ayza.
PARCIAIS: 2-3, 4-1, 2-2, 1-3, 4-2. Marcador final: 13-11.
EQUIPO ARBITRAL: Darío Miodrag Trojan Bucic, Jacobo Torreiro Vázquez e Jordi Joan Aymerich Miñarro.
INCIDENCIAS: Partido da xornada 10ª da Primera División Femenina de waterpolo da RFEN disputado nas instalacións da Escuela Naval de Marín (Pontevedra). Consulta aquí a acta do encontro na web da RFEN.