A COVID-19 está paralizando de novo o deporte, e no futsal galego e español varios equipos vense afectados. Para a undécima xornada da Primeira División do Fútbol Sala, só dous dos oito partidos habituais poderán disputarse. Desta forma, o Cidade de As Burgas GLS será o único galego na competición, ao enfrontarse o sábado, 23 de xaneiro, ás 19:30 horas ao CD Leganés FS.
Os casos positivos en coronavirus detectados no Poio Pescamar, no Pescados Rubén Burela, e agora tamén no Ourense Envialia fai que ningún deles poida disputar o seu seguinte partido. No caso do Viaxes Amarelle, o seu rival para esta fin de semana, a AE Penya Esplugues detectou un contaxio a semana pasada e o grupo aínda non poderá volver ás pistas.
Precisamente este era o rival do Cidade de As Burgas a semana pasada, na que tampouco puideron xogar o partido. Este adiamento obrigou a retrasar a volta á competición regular das pupilas de Manolo Codeso que, se nada o impide, estrearán o 2021 ante o Leganés.
O Cidade de As Burgas quere repetir vitoria
As ourensás chegan na penúltima posición da táboa. Pero o fan coa moral alta despois de ter rematado o 2020 coa súa primeira vitoria e ser testemuñas da traxectoria ascendente do seu nivel de xogo.
Malia ter logrado ata o momento unicamente unha vitoria e un empate, o Cidade de As Burgas non está descolgado na clasificación. Un simple trunfo situaríalles con posibilidades de loitar pola permanencia.
Sen contar os partidos adiados, quedan oito xornadas en xogo, e as xogadoras de Codeso están a nove puntos, ou tres duelos gañados, do cuarto clasificado, o Ourense Envialia.
Outra parte positiva é que o único rival ao que venceron as galegas foi precisamente o Leganés. O ano pasado rematou coa recuperación do partido adiado ante as madrileñas da segunda xornada.
Este trunfo é unha fazaña que o Cidade de As Burgas buscará sen dúbida repetir. Pola súa banda, as xogadoras do Leganés chegan na quinta posición, cun balance perfecto entre vitorias e derrotas: catro de cada unha. Un equipo moi equilibrado tamén no que respecta aos tantos, tendo encaixado 32 goles e metido 29.
Oito puntos separan a galegas e madrileñas, que tampouco puideron disputar a décima xornada debido aos positivos do seu rival, o Poio Pescamar.
Pase o que pase na pista, vendo a situación actual do fútbol sala da máxima categoría, con máis da metade dos partidos adiados, o feito de poder disputar o encontro xa merece celebración. Gañen ou perdan, estas deportistas terán a sorte de poder seguir desfrutando da súa paixón: o futsal.