Unha xornada máis o Cidade de As Burgas GLS segue colista do grupo A da Primeira División do Fútbol Sala da RFEF. O último na táboa recibía en casa ao líder da clasificación, un CD Futsi Atlético Féminas que levouse os tres puntos pero tivo que loitar por eles, cun 2-4 final.
A previa do partido non prometía un bo resultado para as ourensás, que soamente suman un punto polo seu empate contra o Teldeportivo. Seguindo o guión previsto, as madrileñas do Futsi Atlético Navalcarnero non perdoaron as galegas e continuaron a súa serie de triunfos impoñéndose ás ourensás. Até o de agora, as madrileñas puntuaron en todos os encontros que disputaron.
Tamén foi así na sétima xornada. Con todo, o equipo local plantoulle cara ao líder, logrando frear o ataque do Futsi Atlético. As visitantes comezaron pisando forte e ían por diante no marcador xa no primeiro minuto, cun gol obra de Irene Córdoba.
Con todo en contra, o equipo dirixido por Manolo Codeso non baixou os brazos, recobrou as forzas, e foi quen de asinar o tanto que colocaría no marcador electrónico o empate. Corría o minuto sete e o gol chegaba da man de Clara Fernández, unha futbolista que está a ter moito acerto esta tempada de cara á portería.
O Futsi Atlético Navalcarnero volveu tomar o timón e dominar o encontro aos poucos minutos. O resultado foi que conqueriu adiantarse novamente. Nesta ocasión o gol foi de Becha e deixou o partido cun 1-2 no descanso.
Á volta de vestiarios, a sorte seguiu do mesmo lado e as madrileñas aumentaron a distancia no marcador con dous tantos de Ari. Así, xa no minuto 25, o encontro parecía completamente sentenciado.
Con todo, a xove Carlota Garayzabal debutou con gol no seu primeiro partido na máxima categoría do fútbol sala español. A xogadora do Cidade de As Burgas asinou a cinco minutos do final un tanto que deixou o resultado final nun 2-4.
Un partido perdido, pero moi ben defendido ante o rival máis complicado da categoría que deixa boas sensacións entre as ourensás.
#seguimosalonuetro
💚💚💚💚💚💚💚 pic.twitter.com/qSp4ZfP4mI— Manolo Codeso (@mcodeso) November 28, 2020
O adestrador do conxunto galego, Manolo Codeso, mostrouse moi contento co traballo do seu equipo malia a derrota. No seu perfil de Twitter comentou que “pese á derrota, volvo a casa con unha gran alegría, feliz e contento co que vexo”.
Manolo Codeso: “Pese á derrota, volvo a casa con unha gran alegría, feliz e contento co que vexo”
Ademais quixo sinalar o seu orgullo polo debut de Garayzabal, a cuarta xogadora de 15 anos que debuta nas filas do Cidade de As Burgas esta tempada e que forma parte da case corentena que o fixeron ás ordes de Codeso.
Para as afeccionadas que desexen revivir o partido, ou non tiveran a oportunidade de facelo, o club colgou en Twitter a ligazón.
Para quienes no pudieron ver el partido de ayer o para quien lo quiera revivir, aquí os dejamos el enlace del partido 👇 https://t.co/42JnhHp6Fc pic.twitter.com/saqPNFTnwc
— Cidade de As Burgas FS (@cidadeasburgas) November 29, 2020
FICHA TÉCNICA
CIDADE DE AS BURGAS: Ana López. Clara, Sonia Palacios, Fara e Lucía Nespereira – quinteto inicial-. Tamén xogaron: Canolich, Sol, Nahir, Amelia, Canolich e Aroa Oliveira.
FUTSI ATLÉTICO: Marta Balbuena, Amelia Romero, Irene Córdoba, María Sanz e Anita Luján – quinteto inicial –. Tamén xogaron: Ari, Albita, Becha e Gaby.
ÁRBITROS: Gallo Suárez e Hevia Campa, do colexio asturiano. Recibiron tarxeta amarela Ana López Lastra no Cidade de As Burgas e María Sanz e Leti no Futsi.
GOLES: 0-1, min. 1 Irene Córdoba; 1-1, min. 7 Clara; 1-2, min. 10 Becha; 1-3, min. 23 Ari; 1-4, min. 24 Ari, 2-4, min. 35 Carlota Garayzabal
INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada de liga da Primeira División Feminina de Fútbol Sala da RFEF.