Este martes, 8 de decembro, ás 18:00 horas, o conxunto do Celta Zorka Recalvi xogará contra o Osés Construcción Ardoi o encontro da undécima xornada de Liga Feminina 2.
As galegas ocupan a segunda posición da táboa, con 18 puntos, e só tres postos por debaixo, e con dous puntos menos, atópase o Osés Construcción Ardoi. Cuns números parexos, este partido prevese moi igualado.
Celta e Ardoi queren evitar a terceira derrota
Ambos chegan dunha vitoria na anterior xornada; o Celta contra a ADBA e o Ardoi contra outro galego, o Maristas Coruña. Esta foi o oitavo triunfo para as galegas e sétimo para as navarras, que teñen un partido atrasado contra a AD Cortegada.
Ao favor do cadro visitante está a boa racha de vitorias que levan, con tres seguidas e contra rivais como o Barakaldo, o Magec Tías e o ADBA. Pola contra, os dous equipos contra os que fallou esta tempada sitúanse na parte superior da clasificación: o Azkoitia Azpeitia ISB e o Extremadura Miralvalle Plasencia.
A este último dato aferraránse as xogadoras do Ardoi. Despois dunha dura fin de semana de derrotas en casa contra o Barakaldo (partido atrasado da quinta xornada) e o BAXI Ferrol (líder indiscutible da categoría), o conxunto navarro suspirou cunha vitoria contra o Maristas.
O planel dirixido por Jotas promete ser un rival duro para as celestes, que deberán dalo todo na pista para seguir afianzando o segundo posto e coa vista tamén posta no seguinte partido, contra o BAXI Ferrol.
A afección que desexe ver este disputado encontro entre o Ardoi e o Celta poderá seguilo a través da canle de Youtube da Fundación do club local.