O Celta Zorka Recalvi viaxa este domingo, 29 de novembro, a Lanzarote en busca dunha terceira vitoria. As xogadoras celestes enfrontaranse ao Magec Tías, no seu terreo de xogo ás 11:30 hora canaria.
As viguesas lograron impoñerse aos seus dous anteriores rivais, cun partido axustado ante o GDKO Ibaizabal, e outra vitoria fronte ao HGB Ausarta Barakaldo, cunha diferenza de 21 puntos. Nesta oitava xornada, intentarán repetir os resultados para así intentar achegarse ao primeiro clasificado, o Baxi Ferrol.
En liña coa boa tempada que está facendo, Celia García foi a xogadora mellor valorada do anterior duelo, con 33 puntos. A xogadora está no top 10 de máximas anotadoras e de xogadoras mellor valoradas. No alto desta estatística tamén se atopa a súa compañeira Margarita Davydova quen, xunto con Maja Stamenkovic, impulsa o xogo vigués.
As canarias chegan a este encontro tras unha derrota nos últimos minutos contra outro galego e rival directo, o Maristas Coruña. O Magec dominou a primeira parte do encontro, pero á volta dos vestiarios o Maristas comezou a plantar cara para rematar ganando nun final de infarto dun partido moi competido.
Non se agarda a mesma igualdade para o encontro desta fin de semana. As celestes por regla xeral non perdoan os erros rivais e soamente fallaron en dúas citas desta tempada. Polo de agora, as xogadoras do Celta pasaron con éxitos os tests da COVID-19 e diríxense xa a terras canarias.
💙🏀Superados con éxito los tests semanales 🩺 👏👏
En unas horas emprendemos viaje, un nuevo partido nos espera.
✈️ Lanzarote #VoltanOsLatexos#LF2 pic.twitter.com/YtvseDc1n9— CELTA BALONCESTO 💙 (@Celtabaloncesto) November 27, 2020
O encontro, que se disputará no pavillón municipal de Tías, en Lanzarote, poderá seguirse como de costume a través do Canal FEB.