Unha xornada máis, unha vitoria máis do Celta Zorka Recalvi. As celestes non perdoan e seguen invencibles como locais e asinan a súa cuarta vitoria consecutiva da tempada. Desta vez, a vítima foi a Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés, cun resultado 78-54.
Aínda que o inicio do partido foi para as xogadoras viguesas, as visitantes, lideradas por Sara Fraile, quen foi a tanto por minuto nos once primeiros minutos, plantarónlle cara ás locais freando o seu ataque, pero sen lograr adiantarse.
O segundo cuarto seguiu coa mesma tónica marcada no primeiro, aínda que con maior protagonismo para Macy De Sousa na ADBA. Pola súa banda, o Celta xogaba acertadamente en equipo e con oportunidades fronte á canastra para todas as xogadoras.
Con todo, as visitantes presionaban cada vez máis, logrando poñerse por riba no electrónico a falta de minutos para o descanso. Pero un parcial foi suficiente para que o Celta dera un golpe na mesa. Antes da pausa, as celestes asinaron un parcial de 10-0 liderado por Rose Marie Julien, que permitiu ás locais respirar e seguir por diante ao finalizar a primeira parte.
Un parcial de 10-0
Á volta de vestiarios as xogadoras de Cristina Cantero non baixaron nin unha marcha e lograron outro parcial 10-0 rompendo o partido ao seu favor. No terceiro cuarto o xogo celeste foi in crescendo tanto en ataque como en defensa, deixando sen posibilidades ao cadro astuariano.
Cunhas moi destacadas Marita Davydova e Maka Stamenkovic na zona e nos tapóns respectivamente, o Celta logrou unha moi ampla diferenza, cun 62-37 no marcador a dez minutos do final do partido.
Esta vantaxe fixo que Cantero se decidise a dar máis minutos entre as menos habituais como Clara Prieto, que non defraudaron no terreo de xogo e foron partícipes da oitava vitoria desta tempada, cun resultado final de 78-54.
Final.
Celta Zorka Recalvi 7️⃣8️⃣@ADBA87 5️⃣4️⃣#CeltaAdba#Powerade pic.twitter.com/KnSSLU2IWr— CELTA BALONCESTO 💙 (@Celtabaloncesto) December 5, 2020
As baixas non frean ao Celta
As importantes baixas coas que chegaba o equipo dirixido por Cristina Cantero non supuxeron un problema para lograr dominar o partido. Ainhora Lacorzana, Florencia Niski e Noa Comesaña non puideron participar no xogo local, pero Mariona Martín e Clara Prieto suplieron as posibles carencias que poderían ter as celestes.
Por outra banda, Davydova foi a xogadora mellor valorada do partido, con 21 puntos tras anotar 15 tantos e lograr sete rebotes.
FICHA TÉCNICA
78) CELTA ZORKA RECALVI: Mariona Martín (6), Celia García (12), Rose Marie Julien (15), Maja Stamenkovic (14), Marita Davydova (15) -cinco inicial-. Tamén xogaron: Lucía Fontela (0), Clara Prieto (6), Angela Coello (8) e Sara Vidal (2).
54) AGRUPACIÓN DEPORTIVA BALONCESTO AVILÉS: Laura Martínez (2), Sara Fraile (12), Marcy De Sousa (10), Artemis Barbosa (7), Devon Brookshire (11) –cinco inicial-. Tamén xogaro: Alba Montalbán (3), Marcia Guimaraes (4), Guadalupe López (1), Elísabet López (4) e Carlota Velasco (0).
PARCIAIS: 17-15, 22-15, 23-7 e 16-17.
ÁRBITROS: Elio Clavería e Samuel Martínez. Sinalaron ata13 faltas ao Celta Zorka Recalvi e 19 faltas ao ADBA.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á décima xornada da Liga Feminina 2 disputado na pista polideportiva municipal de Navia (Vigo). Gardouse un minuto de slencio polo fallecemento de María Morán, nai de Carlos Colinas, director deportivo do Celta.