O CBS Cambre organizará dous torneos pola igualdade e en contra da violencia de xénero. O primeiro deles terá lugar no Temple de 10:00 a 14:30 horas este sábado, mentres que a segunda competición será unha semana despois, o día 27, repetindo horario e localización.
O edil de Deportes do Concello de Cambre, Dani Mallo, acudiu ao acto de presentación dos torneos. Na súa intervención, expresou o seu desexo de que “non haxa que pasarlle a pelota ás novas xeracións”, na loita pola igualdade, a raíz dun dos vídeos da campaña. O equipo está a promover esta iniciativa con varias pezas audiovisuais, ademais de co dobre campionato pola igualdade e a favor da loita pola tolerancia e a non violencia de xénero.
Softball pola igualdade
O primeiro destes torneos centrarase en subliñar a igualdade entre homes e mulleres. Á cita prevista no pavillón do Temple acudiran conxuntos do CBS Cambre Oro, CBS Cambe Prata e Club Helios de Lugo.
Á seguinte cita do calendario, só unha semana despois, terá como bandeira a loita pola tolerancia e a non violencia de xénero, acollendo ao CBSC Ouro, CBSC Prata, o Club Lume A e o Club Lume B. Este encontro terá ademais un trasfondo solidario, xa que durante o partido recolleranse produtor para doar ao Banco de Alimentos.
CBS Cambre, un equipo coa igualdade como valor
Na presentación da campaña eralizada na Casa da Cultura Vila Concepción, estiveron presentes o xa mencionado concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, a concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, o presidente do CBS Cambre, Enrique Expósito, e a adestradora e secretaria da entidade, María Fernanda Jóver.

O primeiro deles felicitou ao club pola iniciativa e sinalou “súa enorme participación e actividade na vida deportiva do municipio”. Seguindo na mesma liña, Sanguiñedo recalcou a importancia de “implicar a todos os actores da sociedade para seguir loitando pola igualdade entre homes e mulleres e para erradicar, dunha vez por todas, a violencia de xénero”.
Pola súa banda, o presidente do club resaltou como as bases da entidade están cimentadas “sobre a igualdade no sentido máis amplo, sen ningún tipo de exclusión”. Jóver engadiu que todas as actividades do club están relacionadas “coa loita pola tolerancia, a igualdade, e a no violencia de xénero, tanto no deporte como na vida”.




















