Galicia será epicentro do ciclocros continental a primeiros de novembro. O Campionato de Europa de Ciclocrós vaise disputar do 1 ao 3 de novembro en Pontevedra. A cita, que reunirá aos mellores ciclocrosistas de Europa, presentouse este mediodía na Praza da Peregrina de Pontevedra, coa presenza de autoridades e deportistas que participarán na competición.
No acto de presentación do Campionato de Europa de Ciclocrós, interviñeron Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; José Ramón Lete, secretario xeral de deporte da Xunta de Galicia; José Luis López Cerrón, presidente da RFEC; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e o peche correspondeu a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que exerceu de anfitrión.
No apartado técnico, o responsable da proba José Alberto del Río explicou os detalles do circuíto e os campións de España de ciclocrós Felipe Orts, Lucía González e a galega Lorena Patiño subiron tamén ao estrado. O locutor da CRTVG, Terio Carrera, exerceu de mestre de cerimonias dun acto no que actuou o Ballet de Galicia, dirixido por Diego Landín.
Nas súas quendas de intervención, as autoridades destacaron un evento que se celebrará por primeira vez no noso país: será a primeira ocasión na que España e Galicia poidan vivir un Campionato de Europa de Ciclocrós.
Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, destacou a capacidade da cidade para “acoller eventos de enorme nivel, nun espazo marabilloso que ten a capacidade de atraer ao deporte. O acordo das tres institucións, Deputación, Concello e Xunta de Galicia, é clave para permitir a celebración deste Campionato de Europa de Ciclocrós”.
José Ramón Lete, secretario xeral de deporte da Xunta de Galicia, asegurou que “a unión de Galicia co ciclismo é unha realidade. Agora celebramos o Campionato máis importante do continente, grazas a esa unión e entendemento entre as institucións que permite organizar este tipo de probas”.
O presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, puxo en valor a gran saúde do deporte internacional no noso país: “O ciclismo é un deporte que atrae ao turismo, que ensina paisaxes preciosas e lugares espectaculares. Confío nas opcións deportivas dos nosos campións, que coñecen o circuíto e adáptaselles ben. O traballo da Federación Ciclismo Galego foi espectacular co apoio das institucións para poder celebrar este Campionato de Europa en Pontevedra”.
O presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, valora como “un premio a toda a traxectoria de Pontevedra co ciclocrós poder celebrar este Campionato de Europa. A proba é posible grazas ao Concello, a Deputación e a Xunta, que se poñen de acordo. Hai un traballo intenso detrás, moito esforzo do ciclismo galego e unha recompensa para a base do ciclismo que pode chegar a disputar na súa terra un evento deste nivel. Imos poñer en valor a riqueza turística e paisaxística de Galicia e Pontevedra neste Campionato de Europa de Ciclocrós”.
Lorena Patiño acepta “a presión” de competir na casa con tanta xente
Entre os deportistas, Lorena Patiño aceptou “a presión e o especial que será competir en casa, con tanta xente pendente de min e tratando de impulsar as miñas opcións”.
Pola súa banda, Lucía González mira con ilusión “un reto, unha motivación extra que supón disputar un Campionato de Europa ante o público do teu paísl. Normalmente viaxamos ao estranxeiro e agora disputamos unha proba que tamén supón unha oportunidade de gozar”.
Felipe Orts puxo en valor “un circuíto que vai ser espectacular, que se adapta moi ben e no que espero poder estar na pelexa. O Campionato de Europa é o meu primeiro pico de forma da temporada no que darei todo”.
O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de pechar o acto. O rexedor local mostrou “un orgullo especial poder vivir un Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra. Apostar polo deporte é unha forma de investimento en saúde, na base e o futuro así como no retorno económico do evento na cidade e o turismo. Haberá imaxes do río Lérez en televisións de todo o mundo. Será un evento completamente gratuíto para o que investimos moitísimo. Quen sabe se terminaremos facendo un Campionato do Mundo no futuro”.
A Illa das Esculturas, á beira do Río Lérez, será o escenario no que os mellores ciclocrosistas disputarán unha competición que ademais contará coa categoría máster por primeira vez. O percorrido, que se desvelou na competición, contará con obstáculos como banco de area, tres pontes e taboleiros para a delicia do público asistente.
O Campionato de Europa de ciclocros estará baixo o amparo da UEC
Serán tres días de ciclocrós ao máis alto nivel, nunha proba que organiza a Federación Ciclismo Galego co impulso fundamental do Concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. A proba está baixo o amparo da Unión Europea de Ciclismo (UEC).
Grazas ao Concello de Pontevedra, a entrada á competición será libre en contraste coa habitual taxa que se paga por acceder nas probas de Bélxica ou Países Baixos, onde o ciclocrós é un deporte de masas. No seu compromiso con albergar os mellores espectáculos deportivos de carácter internacional, garántese o acceso libre ao circuíto, á beira do Río Lérez, onde se vivirá a pelexa polos títulos continentais de ciclocrós.
A proba contará ademais con cobertura televisiva a nivel mundial, nun esforzo da organización e con moito traballo xunto á produción e Eurovision, que obrigaron á excelencia do circuíto para garantir o mellor espectáculo posible para os centos de miles de persoas que seguirán a proba desde as súas casas.
Lete Lasa destaca a puxanza de Galicia no ciclismo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, repasou os principais datos que converten a Galicia nun territorio puxante no ciclismo mundial, destacando “a medalla de bronce de Damián Ramos na proba contra o reloxo dos Xogos Paralímpicos de París, as catro etapas galegas de La Vuelta, a gran Volta a Galicia que vén de rematar e, como non, a chegada a España por vez primeira desta proba europea de ciclocrós que traerá á nosa terra a preto dun milleiro dos mellores corredores do continente”.
Neste sentido, o mandatario galego subliñou o traballo que Galicia leva facendo dende hai anos no ciclocrós, configurando grandes campións como Pablo Rodríguez, Iván Feijóo ou Carlos Canal, que foron os primeiros galegos en acadar podios nas Copas do Mundo sub 23 e júnior. Hoxe, dixo, outros deportistas como Miguel Rodríguez, Lorena Patiño ou Aroa Otero son os que destacan na base do ciclocrós e, tras ser convocados a principios de ano para o mundial da especialidade, Lete Lasa amosou o convencemento de que tamén disputarán o Europeo.
Neste sentido, o secretario xeral lembrou que Galicia “leva anos copando boa parte das prazas da selección española de ciclocrós grazas, sobre todo, aos grandes eventos internacionais apoiados como Proxectos de Especial Relevancia pola Xunta”.
Diferentes probas no Campionato de Europa de Ciclocrós
Ademais das probas elite, sub-23 e júnior, nesta ocasión tamén se levarán a cabo as competicións máster dos distintos grupos de idade, elevando a participación de deportistas ata preto do milleiro de participantes pertencentes a 24 seleccións nacionais.
A previsión de espectadores será duns 5.000 vía televisión aos que hai que sumar a reserva de 2.000 prazas hoteleiras, aseguran desde a Secretaría Xeral para o Deporte.