Tras cinco xornadas de derrota, o BAXI Ferrol reencóntrase coa vitoria. As ferrolás conquistaron o seu terceiro triunfo en LF Endesa vencendo ao Casademont Zaragoza por un 65-72.
Non sen sufrir, as de Lino López loitaron parcial a parcial por volver á senda da vitoria, tan necesaria para saír dos postos de descenso. Nun pozo da máxima categoría moi igualado, as de Ferrol xa non son colistas, e ocupan con 13 puntos a 13ª posición.
El trabajo estaba ahí. Por fin tenemos la tercera victoria de la temporada en #LFEndesa#SienteElUni pic.twitter.com/dfCqacUejl
— Baxi Ferrol (@UniFerrol) November 28, 2021
Parcial a parcial
As xogadoras galegas tiveron que deixalo todo na pista maña. Desde o comezo, o parqué foi testemuña dun duelo moi intenso, con dous equipos que igualaban as súas forzas malia as diferenzas na táboa clasificatoria. Antes deste encontro, o BAXI Ferrol era último e o Casademont Zaragoza sétimo.
No primeiro cuarto, os dous equipos mantivéronse á par, cun conxunto local certeiro desde a liña de tres e un club galego que non perdoaba baixo o aro. Hempe dominaba os tiros maños, que tiñan resposta no acerto de Koenen. Pasados os 10 primeiros minutos, o marcador informaba do 21-21.
No segundo cuarto, o BAXI soubo subir a intensidade da defensa para impedir os lanzamentos das locais, gañando así unha pequena pero importante vantaxe. Antes do descanso, as ferrolás gañaban de dous puntos.
Coa volta ao parqué volveu a igualdade á cancha, con porcentaxes de acerto moi similares entre ambos equipos. O Casademont confiaba en Hempe, Gimeno e Sierra para transformar os lanzamentos en puntos, mentres que as galegas tiñan en Koenen, Rodríguez e Allen o seu tridente ofensivo. Co paso dos minutos, o electrónico mostraba a tensión do encontro, no que as universitarias seguían por diante grazas á vantaxe conseguida no segundo cuarto.
Co comezo do tempo final, o partido aínda estaba aberto, e o BAXI precisaba facer máis grande o seu colchón de puntos para vencer. O conxunto adestrado por Lino López non defraudou e mantivo o seu xogo incluso baixo presión.
Aínda que as canastras entraban con menor facilidade, as galegas puideron aumentar a súa vantaxe, vencendo finalmente por un 65-72.
Así, as ferrolás venceron a varias caras coñecidas do baloncesto galego, como o adestrador Carlos Cantero, e as xogadoras Hempe e Gimeno, todas elas ex do Durán Maquinaria Ensino.
FICHA TÉCNICA
CASADEMONT ZARAGOZA: Hempe, Clahoun, Delaere, Gimeno, Cruz – cinco inicial -. Tamén xogaron: Brahuma, González, Bettencourt, Hernández e Kostourkova.
BAXI FERROL: Koenen, Ivanovic, Grande, Allen, Swart – cinco inicial -. Tamén xogaron: Villegas, Gari, Wadoux e Rodríguez.
MARCADOR: 21-21, 13-15, 19-19 e 12-17
ARBITRAXE: Olivares, Gracía e Palanca.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á décima xornada, disputado no pavillón Príncipe Felipe de Zaragoza.