A base de intensidade en defensa e en ataque, o BAXI Ferrol alzouse coa vitoria no derbi galego ante o Durán Maquinaria Ensino. As universitarias xogaban en casa contra as lucenses e lograron dominar o duelo irmandiño de principio a fin, vencendo finalmente por un 70-61.
O adestrador do conxunto local, Lino López, expresou na rolda de prensa posterior que “máis que unha vitoria importante, é como unha final gañada”, xa que o club compite nunha “das mellores ligas de Europa”, polo que afrontan cada duelo “coma un partido de fase de ascenso. Temos que defender moi ben, estar concentradas e non cometer erros para poder competir”, engadiu.
Pola súa parte, Miguel Ángel Ortega, técnico do Ensino, admitiu no postpartido que as ferrolás “correron máis e mellor e defenderon máis e mellor. Tiveron moita máis intensidade que nós. Nós parecía que non estabamos dentro do partido. O seu acerto no triplo e a intensidade creo que decidiron o partido. En resumo elas xogaron máis intensas e mellor”.
Derbi dominado polas ferrolás
Cunha espectacular Taylor Koenen, o BAXI Ferrol destacou no primeiro cuarto do partido, sendo claramente superior no ataque nos tiros de campo de dous e tres puntos. As locais eran superiores na liña exterior, cun 60% de efectividade no triplo, fronte ao 12,5% lucense. Tamén nos tiros baixo o aro as de López dominaban, sumando 10 puntos fronte aos 4 das visitantes.
O Ensino quedábase sen ideas, pero foi quen de reaccionar no segundo parcial para reducir distancias ante o todopoderoso BAXI. Cunha xa recuperada María Erauncetamurgil, as lucenses aumentaron o nivel da súa defensa para controlar os ataques locais, rozando o empate para o descanso 33-30.
Na segunda metade, o bastón de mando volveu a mans das pupilas de López, que saltaron á súa cancha con enerxía volvendo a dominar o xogo desde a liña exterior e os rebotes defensivos. Nos primeiros minutos tras a reanudación, o equipo de Ortega non reaccionaba, vendo como a distancia reducida no segundo cuarto volvía medrar.
No cuarto final, os esforzos de María, Chatrice White e Geo Bahi non eran suficientes para controlar a Koenen, Swart e Rodríguez, quenes seguiron levando a iniciativa nos ataques, apoiadas por unha forte defensa. O partido xa estaba decidido, e cun 70-61 final a vitoria quedou en Ferrol.
Taylor Koenen, MVP do derbi
Á fin do encontro, a xogadora mellor valorada foi Taylor Koenen, do BAXI Ferrol, con 33 puntos de valoración, tras 27 puntos anotados, 10 rebotes, dúas asistencias e un roubo.
O seu adestrador aseugou dela que “é unha xogadora que aínda que non anote, suma en moitas facetas do xogo, no rebote, intimidación… Sempre suma, pero cando está acertada o equipo ten ese plus”. Pero Lino tamén tivo palabras para outras xogadoras como Jenna, Carmen ou Alicia, afirman estar “moi contento coas xogadoras que sumaron”.
Lino López: “O equipo estivo moi ben os 40 minutos”
En rolda de prensa, Lino López analizou o derbi, afirmando que “todo o partido estivemos ben e levamos a iniciativa, salvo algúns erros que cometemos de perdas que as forza o rial pola intensidade defensiva”.
En liñas xerais, “o equipo estivo moi ben os 40 minutos. Merecimos gañar, desde o principio fumos arriba do marcador e sobre todo tivemos a sensación de que o equipo estaba moi unido en defensa, traballando moito”, declarou.
Para o adestrador o partido foi intenso, tanto pola defensa do Ensino como pola concentración ferrolá, centrada en “non ter perdas nas primeiras liñas de pase e a partir da defensa ser capaces do rebote. Anotamos bastantes puntos en situacións de rebote e contraatque e iso era fundamental”.
De cara a este tramo final antes de rematar o ano, o técnico do BAXI explica que servirá para recuperar xogadoras. Analizando os últimos meses, o adestrador considera que “o equipo medrou defensivamente, en intensidade e concentración, ler mellor as vantaxes e iso é clave. Para min é moi importante que o equipo medre cada semana”.
Miguel Ángel Ortega: “Fisicamente, elas están mellor que nós”
Pola súa banda, o adestrador do Ensino, Miguel Ángel Ortega, sinalou en rolda de prensa a intensidade como un factor clave para explicar a derrota do seu conxunto: “Creo que elas estiveron máis intensas que nós. Fisicamente están mellor. Poden manter unha intensidade sobre todo no perímetro, que a nós nos fixo moito dano durante todo o partido”.
O club lucense aínda arrastra as consecuencias dunha serie de lesións que afectaron ao plantel, aídna que “temos agora unha situación de alegría”, coa volta de María e de Oma. “Aparece máis xente a adestrar estamos todas máis contentas. O resumo do partido é que elas estiveron máis intensas e xogaron mellor”.
Ortega: “O nivel da liga cada ano é mellor, hai máis competencia”
Polo de agora, os dous equipos galegos mantéñense na zona baixa da LF Endesa, algo que o técnico entende xa que “hai moitos equipos con bos planteis. O nivel da liga cada ano é mellor, hai máis competencia. Fixemos unha aposta por xente xove e imos ver se empezan a poder adestrar e podemos facer o noso xogo”.