Triunfo do BAXI Ferrol diante da AD Cortegada por marcador de 94-29 que non deixa lugar a dúbidas sobre a diferencia sobre a pista entre ambas escuadras nesta xornada. De feito, segundo informan desde o club ferrolá, trátase da vitoria con “maior diferenza de puntos na historia do club”.
Rotundo dominio das locais no primeiro partido do curso para nesta LF2 de baloncesto para as dúas escuadras (a primeira xornada suspendeuse na súa totalidade). Esa superioridade quedou reflectida nos marcadores ao final de cada cuarto: 21-9, 44-15, 68-21 e 94-29. A diferencia final foi de 65 puntos arriba para as ferrolás diante das de Rubén Domínguez.
O equipo que adestra Lino López impuxo un ritmo moi forte en defensa desde o principio, o que lle permitiu roubar moitos balóns e empezar a marcar distancia co seu rival. O primeiro cuarto rematou cun tanteo de 21-9 sen que as arousás fosen quen de atopar fendas polas que perforar a defensa local.

Non mudou o partido no segundo dos cuartos. A fortaleza do BAXI Ferrol dominando na pintura foi grande e ás xogadoras da AD Cortegada custáballes moito penetrar na defensa local. Así, a diferencia de puntos entre ambos conxuntos non facía máis que medrar e medrar segundo se consumían minutos de xogo. Ao descando o BAXI Ferrol xa dominaba o electrónico cun marcador de 44-15.
Ese resultado ao descanso deixaba xa case sentenciado o partido a favor das ferrolás diante da impotencia do Cortegada que no tivo o día. Con todo, as locais non baixaron os brazos e seguiron a impór o seu ritmo de xogo e dispoñendo unha presión forte en toda a cancha sobre o balón, limitando as posibilidades das xogadoras da AD Cortegada.
O seu dominio do rebote e das saídas rápidas cara á canastra rival serviron para aumentar aínda máis as distancas das da cidade departamental. No remate do terceiro cuarto o partido ía 68-21.
A máis valorada do BAXI foi Jenna Allen
Tentouno no arranque do último cuarto o equipo de Vilagarcía, pero as de Lino López non ergueron o pé do acelerador. A máis valorada das locais foi Jenna Allen seguida de Geraldynn Leaupepe.
O tateo final foi de 94-29, unha malleira en toda regra inflixida polo Universitario Ferrol á AD Cortegada.
As vencedoras voltan ao parqué mañá, luns 12 de outubro. Esta vez será na semifinal da Copa Xunta de Galicia tendo como rival ao Celta Zorka Recalvi ás 18:30 horas en Marín.

FICHA TÉCNICA:
COLEXIADOS: Roi Rilo e Martín Trasancos
INCIDENCIAS: Partido disputado no Pavillón de A Malata (Ferrol), correspondente á segunda xornada da LF2, aínda que en realidade abría a competición dado que a primeira xornada foi suspendida e aínda non conta con data de celebración. O aforo estivo limitado a 300 persoas por mor das medidas de prevención do contaxio da COVID-19.