A Liga Feminina 2 enfronta esta fin de semana a dous equipos fortes da competición: o BAXI Ferrol e o Azkoitia Azpeitia. Estes dous equipos competirán o sábado, 30 de xaneiro, ás 19:00 horas en A Malata.
O duelo entre galegas e vascas será un partido moi esixente para ambos bandos. O BAXI Ferrol non abandoa a primeira posición, onde reinan na categoría de prata sendo invictas, mentres que o Azkoitia ocupa a terceira posición, con catro vitorias menos que as ferrolás.
Con todo, é un conxunto perigoso, que está entre os candidatos ao ascenso. Ademais, as vascas chegan cunha inxección de moral, tras vencer na xornada anterior ao segundo clasificado, o Osés Construcción Ardoi.
A mellor defensa non sempre é un bo ataque
O Azkoitia é, en palabras de Lino López, un “equipo cun quinteto de gran potencial, con tres estranxeiras de primeiro nivel, ademais de nacionais como Lizarazu e Iparagirre, que contan con experiencia en Liga 1″. Do habitual cinco inicial destacou o seu gran nivel, responsable dos grandes resultados do club vasco.
Lino López: “É clave que elas non poidan xogar liberadas en ataque, porque lles gusta moito o xogo rápido”
Por iso, o plan do BAXI Ferrol para levarse este encontro como o fixo na ida, pasa por manter unha gran defensa. O adestrador sostén que “é clave que elas non poidan xogar liberadas en ataque, porque lles gusta moito o xogo rápido, con moito un contra un, no que se sinten cómodas. Por iso, é moi importante traballar moito a defensa do equipo”.
Pase o que pase, é vital que as universitarias saían concentradas á pista. Se no último duelo o Vega Lagunera Adareva Tenerife case da a sorpresa, sendo oitavo pero vencendo na primeira metade, o terceiro clasificado é un rival aínda máis perigoso para as universitarias. O ‘susto’ vivido na primeira parte contra as isleñas pode server, precisamente, para que as ferrolás non baixen a guardia en ningún momento e poñan desde o primeiro segundo de partido, toda a carne no asador.

Precisamente, un dos segredos do BAXI Ferrol este curso 2020-21 é o altísimo nivel de xogo que despregan sobre a pista as pupilas de Lino López, durante todo o encontro. O reparto de minutos, con rotacións constantes, fai que ningunha acumule unha gran diferencia de tempo sobre a cancha con respecto ao resto de compañeiras. Así, todo o equipo está ‘enchufado’ e síntese capaz de aportar o mellor do seu xogo ao do conxunto galego en calquera momento do partido e da Liga.
O duelo entre ferrolás e guipuscoanas poderá seguirse en vivo vía streaming a través do Canal FEB e nunha das redes sociais do club ferrolán.
Na cancha, debido ás restricións vixentes na comunidade autónoma galega, non poderá haber público. O Diario Oficial de Galicia, recollía expresamente esta prohibición anunciada previamente polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O DOG indicaba, expresamente que: “As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse sen público de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes”.
Posible debut de Brooke Salas no BAXI
Este partido pode supoñer o estreo nas filas locais da última fichaxe do BAXI Ferrol. Brooke Salas comezou a adestrar co conxunto dirixido por Lino López o martes desta semana, polo que estará dispoñible para o encontro do sábado se así o decide o adestrador.
Lino López: “(Brooke Salas) é unha xogadora intelixente, á que lle falta volver a coller o ritmo e coñecer ao equipo”
O seu técnico destacou, despois de vela traballar, que é “unha xogadora intelixente, á que lle falta volver a coller o ritmo e coñecer ao equipo. Fáltalle traballar o aspecto físico, pero pode aportar moitas cousas”, aseguraba Lino López sobre a nova incorporación do BAXI Ferrol.