Non hai rival para o Baxi Ferrol. Despois de sete xornadas, as ferrolás son imbatibles e vencen tanto en casa como fóra. Con catorce puntos conseguidos, lideran desde a xornada 1 a Liga Feminina 2. Unha racha que desta vez queren manter fronte á Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés este sábado ás 19:00 horas.
As asturianas chegan a este encontro tras unha dura derrota en casa fronte ao Osés Construcción Ardoi. A Agrupación soamente logrou anotar 36 puntos, a pesar da boa actuación de Rossana Guimaraes. A base portuguesa foi a maior anotadora do encontro, con 16 tantos e foi a xogadora mellor valorada de ambos equipos, con 14 puntos. Con todo, non foi suficiente para que os dous puntos quedasen na casa e a Agrupación é décimo terceira, só por diante das galegas do Ulla Oil Rosalía.
Un Baxi de récord
Pola contra, os número do Baxi Ferrol non fan máis que mellorar. Na última xornada, xogada contra o Magec Tías, as galegas superaron varios dos seus propios récords. Os 35 puntos que recibiron das canarias é a terceira anotación máis baixa que recibiu en contra o Baxi en toda a súa historia. Ademais, os 56 puntos de diferencia no marcador final supoñen tamén a terceira mellor marca conseguida polo club.
Neste mesmo partido, as xogadoras igualaron a mellor marca histórica do Baxi Universitario Ferrol no relativo ás asistencias. Foron 31, o mesmo número que conseguiron en xaneiro deste ano contra o Galdakao.
Coas estatísticas do seu lado grazas á boa forma física das xogadoras e a súa capacidade na cancha, a sorte parece que estará de parte das ferrolás. O sábado as de Lino López reciben á Agrupación en A Malata onde, o máis previsible, é que sumen unha vitoria máis.