A undécima xornada de Liga Feminina 2 traía un duelo entre dous galegos na Malata: un BAXI Ferrol intratable contra un Maristas Coruña que precisaba puntuar para fuxir da zona baixa. Non o logrou e, co son da bucina, o electrónico sentenciaba o encontro cun duro 106-44 a favor das xogadoras locais.
Como ven sendo costume esta tempada, as ferrolás foron unha apisoadora co seu xogo intenso e non tiveron compaixón polas compañeiras galegas. Superando a barreira dos 100 tantos, os dous puntos quedaron en Ferrol para un moi superior BAXI Ferrol.
O Maristas non foi quen de frear ás ferrolás
Desde os primeiros minutos as xogadoras ferrolás fixéronse co dominio do encontro na súa pista. O seu alto ritmo de xogo e unha defensa férrea imposibilitou os ataques visitantes e marcou a que sería a tónica do partido.
As baloncestistas dirixidas por Jorge Carreira loitaban como podían polos balóns, pero con moi pouco acerto. Fixeron falta catro minutos e medio de xogo para que estreasen o seu marcador. A súa efectividade mellorou tras un tempo morto solicitado polo adestrador, tras o cal o Maristas logrou asinar un parcial 1-7 e recortar distancias nun primeiro cuarto que finalizou cun 21-13.
Pero calquera posibilidade de remontada disipouse no segundo cuarto. O conxunto de Lino López demostrou por qué aínda non hai rival que poida con elas. Cunha serie de rápidas xogadas, as locais pisaron ás coruñesas que, de novo, non conseguiron achegarse á canastra ata a metade do parcial. Para o descanso o encontro xa estaba completamente sentenciado, cun 25-5 que deixaba o electrónico nun total de 46-18.
Recital anotador das universitarias
O recital do BAXI Ferrol continuou tras o paso por vestiarios. Os roubos de balón eran constantes e tamén as chegadas á zona rival. Deste xeito, sen baixar o ritmo, as ferrolás lograron ir facendo medrar a súa distancia coas coruñesas. Chegouse a acadar unha diferenza de 49 puntos sobre as visitantes cando faltaban dez minutos do final.
Unha distancia de puntos que non faría máis que aumentar co paso dos minutos. Con todo, o último que fixeron as xogadoras do Maristas foi baixar os brazos. Iniciando o último cuarto cun parcial 0-9 ao seu favor, as coruñesas seguiron loitando por marcar contra vento e marea.
Neste cuarto periodo, o Maristas Coruña lograba unha menor diferencia que nos anteriores cuartos, pero as pupilas de Jorge Carreira non deron coa fórmula para frear ao BAXI Ferrol. O resultado final o duelo entre equipos galegos da Liga Feminina 2 foi dun 106-44 campeando no electrónico.

Encontros igualados para as próximas citas
A vivida ante o Maristas Coruña foi a undécima vitoria para o BAXI Ferrol, coincidindo co inicio da súa serie de partidos en Galicia. O seguinte rival será tamén galego. Tócalle medir forzas co Celta Zorka Recalvi, segundo clasificado. As xogadoras celestes son arestora as que contan con máis papeletas para ser quen de lle plantar cara ao indiscutible líder ferrolá.
Pola súa banda, o Maristas Coruña tentará evitar seguir acumulando derrotas e o fará visitando ao conxunto do GDKO Ibaizabal, un rival que tamén chega ao encontro con varios encontros perdidos de xeito consecutivo. Sobre o papel, prevese que será un partido difícil e disputado, entre dous equipos con ansia de vitoria e necesitade de puntos.
O adestrador Lino López, orgulloso da actitude das súas xogadoras
Máis aló do excelente resultado para as locais, o seu adestrador, Lino López, destaca a súa actitude. “O máis importante é que o equipo está os 40 minutos traballando. Da igual que vaiamos perdendo 10-0 ou que vaiamos gañando de 60. O equipo sempre está ao máximo. Calquera xogadora que está no banco sae a dar o máximo”, recorda o técnico.
Segundo Lino López, isto é “o que te fai feliz” e o que fai cumprir o seu lema de “desfrutar do camiño”, xa que “hai veces que as cousas saen mellor ou peor, tamén depende de se o rival ten acerto. Pero o máis importante é a actitude das xogadoras e non só nos partidos. O traballo do día a día é igual de esixente e de intenso e as xogadoras están igual de implicadas”, sinala.
Lino López, adestrador do BAXI Ferrol: “O máis importante é a actitude das xogadoras e non só nos partidos. O traballo do día a día é igual de esixente e de intenso e as xogadoras están igual de implicadas”
O adestrador do conxunto universitario recalca que “non podemos perder un minuto de seguir crecendo e traballando. Se te relaxas e deixas de xogar e estar intensa, ademais de ser unha falta de respecto ao rival, deixas de mellorar como equipo e como xogadoras”.
Con todo, explica que “o público ve a entrega e a loita, cómo non dan un balón por perdido, da igual o resultado. Iso ao final é o que pon á xente en pé. É certo que se anotas, como fixemos hoxe, máis de 100 puntos sempre é moi vistoso e alegre” pero, aparte do xogo, o importante foi o comportamento do plantel.
Del, aínda que non quere destacar a ningunha, recoñeceu a labor de Geraldynn Leaupepe, quen estivo “ao máximo” durante todo o duelo. A xogadora foi a MVP do partido cun 38 de valoracióne sendo tamén a máxima anotadora, con 24 puntos.
A segunda xogadora mellor valorada do duelo galego tamén foi do BAXI. Irene Gari, con 22 puntos e tres rebotes, acadou os 21 créditos valorativos nesta cita.
FICHA TÉCNICA
106) BAXI FERROL: Laura Fernández (-), Irene Gari (22), Geraldynn Leaupepe (24), Anniina Aijanen (13) e Jenna Allen (9) – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Patricia Cabrera (11), Julieta Mungo Lanzetti (4), Patricia Benet (3), Natalia Rodríguez (8), Andrea Boquete (8), Sune Swart (4).
44) MARISTAS CORUÑA: Joana Pereira (4), Tatiana Casal (5), Eugenia Filgueira (11) Andrea Pérez (7), e Laura Cervelo (6) – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Laura Martínez (2), Mara Cortés (4), Marina Feijoo (1), Elena Pedrosa (-), Laura Ruiz (-), Laura Hughes (2) e Adriadna González (2).
PARCIAIS: 21-13, 25-5, 34-13 e 26-13.
ÁRBITROS: Jaime Enrique Álvarez-Ossorio e Samuel Martínez.
INCIDENCIAS: Pavillón da Malata (Ferrol). Partido correspondente á xornada 11 da Liga Feminina 2. Xogadora máis valorada Geraldynn Leaupepe con 38 seguida de Irene Gari con 21 de valoración, ambas do BAXI Ferrol.