O Atlético Guardés non conseguiu sumar na súa visita ao Super Amara Bera Bera (31-22). As xogadoras que adestra José I . Prades caeron derrotadas nos dous tempos polas de Imanol Álvarez. Na primeira metade o tanteo foi de 14-11, e no parcial da segunda tamén estivo por riba o conxunto local (17-11). Nos parciais cada cinco minutos as da Guarda nunca foron quen de se pór por diante no electrónico. O cruce correspondeu á 2ª xornada da Liga Guerreras Iberdrola.
O conxunto galego sabía que tiña diante de si a un rival complicado e tampouco viaxou con todos os seus efectivos. África, Mazza, Urban, Valero e Morais, lesionadas, non puideron sumarse ao desprazamento do equipo. De feito as galegas viaxaron so cunha pivote, Carla Gómez.
Co asubío inicial, a posta en acción das locais foi unha declaración de intencións inequívoca. Laura Hernández foi a encargada de abrir o marcador cun gran gol de cadeira.

O ataque das donostiarras comezou a carburar con gran velocidade e mobilidade póndose rapidamente cun favorable 5:1 no marcador que obrigaba a Jose Ignacio Prades a parar o partido. Intento baldío do técnico do Atlético Guardés pois, ou ben polos paus ou polas intervencións de Renata Lais, as súas non lograban perforar a rede local.
Non sería até o ecuador da primeira metade cando o cadro galego comezou a asentarse sobre o 40×20. Un gol de Paula Arcos á contra propiciaba unha dinámica positiva do seu equipo que recortaba distancias (9:7), pero foi un respiro transitorio pois a saída de Adriana Cardoso e a canteirá Ainhoa Etxeberria volvía ampliar a distancia a catro (12:8).

Prades viuse obrigado a mover o banco con Sandra Santiago collendo a batuta do equipo que dá xenio. A central fíxose notar rapidamente pondo ao seu equipo a un de distancia (12:11). Con todo, as visitantes desaproveitaron até 3 oportunidades para igualar a contenda e terminaron pagándoo, pechando a primeira metade con tres goles de distancia e con Adriana Cardoso facendo as delicias en ataque (14:11).
Tras a continuación, Super Amase Bera Bera mellorou as súas prestacións grazas a unha excelsa Laura Hernández con catro goles de saída e ás sucesivas paradas de Renata Lais. O Atlético Guardés entrou en crise en ataque e foi aos poucos sendo desbordado en defensa, con diferenzas que foron ampliándose paulatinamente e oscilando entre os 7 e os 9 goles.

O conxunto de Imanol Álvarez seguiu xogando como os anxos, con moi poucas perdas e unha efectividade en ataque moi alta, cortando calquera indicio de remontada do bando galego (31:22), que volve, un ano máis, a marcharse de terras donostiarras cunha derrota ante o seu eterno rival, que sae reforzado de confianza e colócase, provisionalmente, líder do Grupo A, a falta de disputarse o resto da xornada.
Entrega do título de Campión de Liga Guerreras 19-20 ao Bera Bera
Antes do arranque do partido, o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco V. Blázquez, o concelleiro de Deportes do Concello de San Sebastián, Martín Ibabe, e a directora de Deportes da Deputación de Guipúzcoa, Goizane Álvarez, entregaban o título de campión da tempada 2019/2020 ao Super Amase Bera Bera. Un trofeo máis ás súas vitrinas co que se recoñece a gran tempada do conxunto donostiarra na que, nas 16 xornadas disputadas antes do parón pola COVID19, non coñeceu a derrota.

FICHA TÉCNICA
31) Super Amara Bera Bera (14+17): Fernandez, Arrojería (2), Oliveira, Pizzo (2), Terés (1), Gil de la Vega (1), Menéndez (1), Laura Hernández (7), Malena Cavo (2), Echeverría (4), O’Mullony (1), Cardoso (4), Ainhoa Etxeberría (2), Mirene Moreno (4) e Renata Lais.
22) Club Balonmán Atlético Guardés (11+11): Sandra Santiago (7), Lorena Pérez (1), Descalzo, Miriam Sempere, Paulina Pérez (3), Patrícia Lima (3), Cristina Barbosa, Paula Arcos (5), Carla Gómez (1), Marisol Carratú , Erika Rajnohová e Daniela Moreno (2).
Resultado cada 5’: 4-1, 7-2, 9-6, 10-8, 12-10, 14-11 (descanso), 18-14, 21-15, 25-16, 27-19, 28-20, 31- 22 (final).
Árbitros: Andrés Peñaranda Ortega e José Antonio Yagüe Moros (Aragón). Excluíron por parte das locais a Pizzo e Terés (2) e no Atlético Guardés a Buforn (2) e Santiago.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 2 da Liga Guerreiras Iberdrola no Grupo A celebrado no Pavillón José Antonio Gasca (Donosti). O Super Amara Bera Bera recibiu o trofeo de campióas de Liga Guerreras Iberdrola 19-20.