O CB Arxil xa sabe a data límite que ten para formalizar a inscrición para a categoría de prata do baloncesto español, a Liga Feminina 2 e esa data límite, é o venres 17 de xullo ás 13:00 horas.
A directiva do CB Arxil ten xa preparado o aval bancario que fará efectivo a súa entrega e o pago da inscrición requisitos que foron aprobados na comisión delegada da FEB.
Será unha tempada moi complicada xa que ao crearse a liga intermedia entre a Liga Feminina 1 e a Liga Feminina 2 para a tempada 2021/22 dos 42 equipos, 24 quedarán na LF2 e outros catro baixarán á primeira nacional, polo que desde o Arxil consideran que a que vén “vai ser unha tempada moi difícil”.
O CB Arxil traballa nun equipo “competitivo”
A próxima semana haberá novidades no plantel galego. O club traballa na configuración dun equipo “tentando que sexa moi competitivo, por iso vaise con moita paciencia”, comenta Lino Vázquez. Maite Méndez continuará un ano máis dirixindo ao primeiro equipo do club pontevedrés.
Faltaría saber os equipos que comporán o Grupo 1 no que que estarán os conxuntos galegos do CB Arxil, AD Cortegada de Villagarcía, Celta Zorka Recalvi de Vigo, Baxi Ferrol, Rosalía Pío XII de Santiago e Maristas Coruña, así como o Adba de Avilés. Os restantes sete equipos decidiraos a FEB.
Sistema de competición da LF2
A LF2 será a competición que adopte un cambio máis grande en canto a formato crecendo en número de equipos até un total de 42 clubs divididos en tres grupos de competición.
Cada grupo xogará baixo o sistema de todos contra todos a dobre volta o que dará lugar a un total de 26 xornadas de competición.
Ao termo da liga regular, o catro primeiros clasificados de cada grupo pasarán á Fase Final na que se porán en xogo dúas prazas de ascenso. No lado oposto, descenderán de categoría os últimos clasificados de cada grupo así como o peor clasificado dos penúltimos.

DATOS CLAVE DA COMPETICIÓN NA TEMPADA 2020-2021
- Equipos participantes: 42 equipos
- Inicio liga regular: sábado 3 de outubro de 2020
- Final da primeira volta: sábado 19 de decembro de 2020
- Final liga regular: sábado 27 de marzo de 2021
- Fase de ascenso: do 8 ao 11 de abril de 2021