O sábado 12 de decembro, o CB Arxil disputará a duodécima xornada de Liga Feminina 2 en casa, coa esperanza de deixar atrás a racha de cinco derrotas consecutivas, que as desprazan á penúltima posición. As pontevedresas recibirán á Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés ás 19:30 horas.
O cadro dirixido por Maite Méndez loitará por un triunfo que as alonxe dos postos de descenso e lles de confianza para o restante de tempada. Os erros en ataque nas últimas xornadas, nas que non ganou ningún partido (contra HGB Ausarta Barakaldo, Miralvalle, Adareva, Azpeitia e Cortegada), minan a moral das pontevedresas.
Tampouco estiveron moi fortes en defensa, con altibaxos no seu ritmo competitivo que lles fixeron recibir moitos tantos en contra. Son o segundo equipo con máis puntos recibidos, un total de 618 en nove xornadas.
Enfronte, terán a un combinado que, con 13 puntos, ocupa a novena posición. As asturianas manteñen o seu obxectivo de lograr a permanencia cun plantel que na súa marioría repite respecto a tempada anterior.
A ADBA está composta por canteranas, entre as que destacan Sara Fraile e as debutantes Carlota Velasco, Laura Martínez e Elena Guijo (que aínda non se estreou nos partidos), pero tamén por xogadoras estranxeiras. Entre estas últimas destacan Marcia Carvalho, Artemis Afonso (MVP do anterior partido contra o Rosalía) e Marcy Gonçalves. Todas estas xogadoras compiten ás ordes do ferrolán Sergio Cubeiro.
Para esta xornada, o Arxil ten como principal obxectivo, ademais da vitoria, recuperar as boas sensacións e o xogo en equipo. Desde o club consideran que a clave para remontar este bache pasa por xogar conxuntamente e corrixir os seus erros.
💥GAME DAY
🏆#LF2 Jornada12
🏀 @ArxilCb 🆚 @ADBA87
📅 Sábado 12 ⏲️ 19:30 h
🏟️ Pabellón del https://t.co/Wh05shWVsJ Pontevedra
📶 Estadísticas.https://t.co/L9W1c3aJY0
📺 En directo. https://t.co/T7lzARvmDu https://t.co/TLYOZSoMoO#VamosADBA#VamosElena#QGT pic.twitter.com/BEzqJKv6dc— ADBA (@ADBA87) December 11, 2020