- O seguinte reto deportivo das liceístas que adestra o técnico Stanis García lévaas á pista do Club Patí Vila-Sana
Sen tempo para asimilar a derrota ante o Igualada Feminí (3-4) desta fin de semana, o HC Deportivo Liceo afronta un novo partido esta vez como visitante. As xogadoras que adestra Stanis García acuden a medir forzas co terceiro clasificado, o CP Vila-Sana. O partido, correspondente á 13ª xornada da Ok Liga Feminina, xógase mañá mártes 1 de febreiro ás 20:30 horas.
Se a pasada semana trouxo un maratón de hoquei para o equipo masculino liceísta, o feminino non quedará atrás na actual. Tan só 72 horas despois da súa derrota diante o Igualada (3-4), o HC Deportivo Liceo afrontará unha nova proba da OK Liga Feminina en forma de viaxe ao Municipal de Vila-Sana.
Unha oportunidade perfecta para as liceístas, aínda que complicada, para levantar a cabeza tras o recente tropezo no Pazo dos Deportes co Igualada Femení.
Hai seis puntos en xogo co obxectivo de sumalos aos dez cos que contan agora mesmo as liceístas. Esa decena de puntos no casilleiro serven as xogadoras galegas para ocupar o noveno posto dos 14 nos que se reparte a competición. O obxectivo será, sen dúbida, o de escalar a posicións máis elevadas a base de traballo e ambición.
Na lista de convocadas de Stanis García están as xogadoras liceístas: Viki Caretta, Mencía Mosquera, Adriana Soto, Alba Garrote, Bea Gaete, María Sanjurjo, Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez e Lara Yáñez.
Superar ás terceiras, obxectivo liceísta
Desde logo, o nivel de dificultade desta visita non será pequeno. No pavillón municipal de Vila-Sana esperan as terceiras clasificadas e un dos cinco equipos que lograron abrir unha brecha importante de puntos con respecto aos outros nove.
Lluís Rodero dirixe a un bloque de xogadoras que completaron un excelente rexistro de nove triunfos e unha derrota nos dez partidos que disputaron ata o de agora, con 58 goles a favor e 16 en contra. Son, con once dianas de diferenza, o cadro máis anotador da categoría grazas á achega de mulleres como Victòria Porta (16), Maria Agudo (13) e Vale Fernández (12).
Será unha incógnita, de todas as maneiras, como afrontará o seu regreso á actividade competitiva. O CP Vila-Sana leva sen saltar á pista desde o pasado 15 de xaneiro, tras sufrir dous aprazamentos por motivos COVID.
Unha vez disputado este choque, tocará preparar inmediatamente outro suspendido no seu día por razóns sanitarias: a visita do PHC Sant Cugat a terras galegas que terá lugar sábado 5, 20:00 horas).