A deportista galega de 16 anos Nora García Maestu (Cecebre, Cambre), fará historia ao converterse na primeira muller galega en asistir a un Campionato do Mundo de Escalada. Neste caso, Nora García Maestu escalará na modalidade de velocidade (Speed Climbing). A deportista é socia do Club de Montaña Coruña.
O evento está a celebrarse en Helsinqui (Finlandia), IFSC Youth World Championships 2025, do 28 de xullo ao 3 de agosto.

Nora García Maestu competirá na categoría U17 (under 17), coas roldas de velocidade programadas para o domingo 3 de agosto (11:00 clasificatorias e 13:30 finais, retransmitidas en Youtube.
Este ano 2025 foi clave para Nora, quen consolidou a súa presenza no panorama internacional con destacadas actuacións na IFSC Youth European Cup, logrando a 15.ª posición en Mezzolombardo (Italia, 6 de xuño) e a 12.ª posición en Zakopane (Polonia, 15 de xuño).

Estes resultados, sumados ao seu historial de títulos nacionais (entre eles, campioa de España de Escalada de Velocidade nos anos 2023 e 2024 e de Campioa de Galicia en dificultade, bloque e velocidade en varias categorías) reflicten a súa proxección como unha das novas promesas da escalada española.
A súa clasificación para o Campionato do Mundo U17 non só marca un fito persoal na súa traxectoria deportiva, senón tamén un momento histórico para Galicia, ao ser a primeira vez que unha escaladora galega compite nunha cita desta magnitude.

O Concello da Coruña, que permitiu a Nora García Maestu prepararse nas instalacións do Rocódromo de Riazor, esenciais para alcanzar este nivel competitivo.

Nora García Maestu é filla de Fini Maestu
Nora é filla de Josefina Maestu Almeida, que tamén exerce como a súa adestradora. Fini Maestu leva décadas dedicándose ao atletismo e ao montañismo. De feito, estivo nas directivas da Federación Galega de Atletismo e da Real Federación Española de Atletismo, e no ano 2022 Josefina Maestu Almeida foi elixida presidenta da Federación Galega de Montañismo (FGM) substituíndo no cargo a Adolfo Puch que levaba presidindo o ente federativo desde 2010.






















