En pouco máis dun mes, o ciclismo galego logrou organizar cinco xornadas da Copa Galicia de Ciclocrós e o campionato autonómico da modalidade. E todo iso cuns protocolos sanitarios moi estrictos por mor da pandemia por COVID-19. Unhas competicións que remataron o pasado domingo, 27 de decembro, no Club de Campo de Ferrol, con Irene Trabazo de novo no podio, proclamándose, neste caso, campioa galega na categoría Elite sub23. Hai unha semana asinara o título da Copa de Galicia, polo que a de Marín é a raíña indiscutible do ciclocrós galego na súa categoría. Seus son os dous títulos autonómicos en ciclocrós no 2020.
Nun principio, esta última cita tería que se ter disputado pola tarde pero, ante o aviso de alerta laranxa por fortes ventos, o club organizador, o BTT Esmelle decidiu adiantar horarios. Isto non foi ningún impedimento para Irene Trabazo. A ciclista do XSM club viña de lograr a primeira posición na Copa Galicia en Maceda en Elite sub23 e repetiu resultado en Ferrol no Campionato de Galicia.
Irene Trabazo dominadora indiscutible da categoría raíña
Desta forma, Trabazo lograba o que é o seu primeiro campionato autonómico na categoría considerada raíña, Elite sub23. Fíxoo cun tempo de 45:58. A ciclista acadaba así o ouro no campionato galego unha semana despois de acadalo na Copa de Galicia.
A só uns minutos dela (3:34) quedou Xiana Conde, do equipo de Maceda e, no terceiro posto, chegaría María Jesús Barros, do Spol. Como Irene Trabazo, tanto Conde como Barros repetiron podio nesta proba tal e como fixeran na Copa.
Na competición masculina, Saúl López, da Academia Postal-Maceda, logrou o ouro e repite como campión autonómico por terceira vez consecutiva.
Pese aos temores pola meteoroloxía, a chuvia respetou a xornada, deixando o circuíto sen barro e cuns treitos de subida máis duros. Isto pasoulle factura a algúns ciclistas, polo que Saúl López logrou a vitoria impoñéndose aos seus rivais sen moitas complicacións.
As probas júnior e cadete estiveron máis disputadas
Se nos podios de Elite sub23 feminino e masculino non houbo sorpresa, as categorías júnior e cadete déronlle máis emoción á competición. Na competición feminina, o resultado non se decidiu ata os últimos metros.
Laura Mira, ciclista do club Avanza, foi quen de chegar primeira á liña de meta gañando por menos de tres segundos de vantaxe a competición na idade júnior. Pisáballe os talóns Sofía Álvarez, do Cambre, que quedou en segunda posición e, pechando o podio, estivo a súa compañeira de equipo Sonia Domínguez.
En idade cadete, a medalla de ouro foi para María Filguerias, rider do Caimanes Betanzos, seguida de dúas ciclistas do club Avanza: Uxía Soto e Marta Estévez.
Tampouco se deixou sorprender o favorito nos juniors. Miguel Rodríguez (Ponteareas) venceu con solvencia por diante de Ricardo Buba (Coruxo) e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos), segundo e terceiro respectivamente. En cadete, masculina resolveuse na última volta con Héctor García (Poio Bike) acabando coa condición de invicto no calendario autonómico de André Martínez (Avanza) e xunto aos dous ciclistas que pelexaron polo triunfo subiu ao podio Tomás Pombo (3AG).
En canto ás mulleres de categoría máster-30, Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) cruzou a liña de meta por diante da máster-40 Natalia Raña (Corbelo). Terceira rematou a máster-30 Montserrat Martínez (Ciclismo Oiense) e Monica Alarcón (Louriña) concluíu segunda entre as máster-40.
En masculina de másters Rubén Deaño (Ourense Termal) conquistou a coroa máster-30. Nesa mesma quenda, Juan José Saborido (Speedcross) colgouse o ouro máster-50, mentres que nos máster-60 Constante Lestido (O Trisquel). O palmarés masculino completouse coa vitoria nos máster-40 de José Rodríguez Tami (Norinver).
Irene Trabazo proclámase campioa en categoría elite na Copa Galicia de Ciclocrós 2020