Nerea Vila (Vigo, 1993), campioa de España de Loita na súa etapa como deportista, exerce actualmente como adestradora persoal e tamén é árbitro de primeira categoría estatal en Loita Olímpica. É unha das moitas mulleres galegas que deron o salto á arbitraxe, abrindo portas e contribuíndo a transformar un deporte historicamente dominado polos homes.
A galega tomou parte en importantes torneos estatais e internacionais, incluíndo o Campionato de Europa U17 e U20, celebrado en Romanía en 2024.

A.N.: Como xurdiu o seu interese polos deportes de contacto?
Nerea Vila: Cando tiña 13 anos, no pavillón que había ao lado do noso instituto había un club de loita, o San Ignacio. Tiñamos uns amigos que adestraban alí e un día o adestrador díxonos se queriamos probar. Animámonos unhas cantas e, ao final, aquí seguimos. Comezamos varias, e agora continúamos a miña mellor amiga e eu; as dúas somos árbitros.
A.N.: Antes de chegar á arbitraxe, foi deportista e formouse no CGTD de Pontevedra, onde acadou importantes éxitos. Xa daquela, estaba a pensar en continuar a súa carreira no mundo da arbitraxe?
Nerea Vila: Non, tiña idea de competir máis tempo. Quería competir ata os 20 e tantos anos, máis ou menos, pero cando tiven que deixalo, a miña primeira inclinación foi ser adestradora. O que pasa é que coñecín o mundo da arbitraxe, gustoume e decanteime por isto.
A.N.: Que a levou a dar o paso de decantarse pola arbitraxe?
Nerea Vila: Cando deixei de competir, o xefe dos árbitros de Galicia, que era coñecido meu dende que era moi pequena, sempre me dicía: “Ven a axudarnos e imos probar”. Eu ía a campionatos galegos e a algúns torneos por Galicia, pero non o tomaba en serio; ía por botar unha man e porque o pasaba ben. Bastantes anos despois, a rapaza que comezou a adestrar comigo cando eramos nenas decidiu empezar tamén a vir aos campionatos galegos, e o presidente dos árbitros non nos deu máis opcións. No 2021 díxonos: “Agora que estades as dúas, seguide por este camiño e presentádevos á estatal”.

A.N.: Nese momento existía algún referente feminino para vós?
Nerea Vila: Nos sabiamos que estaba Esperanza (Segade), que fora a primeira árbitra nacional en España e que era de Galicia, pero non a coñeciamos. Despois, a nivel estatal, había xa máis mulleres arbitrando cando nos empezamos e, ao final, vas aprendendo delas tamén.
A.N.: Hai máis figuras de referencia agora?
Nerea Vila: A nivel estatal temos varias árbitras e, a nivel internacional, tamén temos mulleres que están a moi bo nivel e que, sen dúbida, son referentes.
A.N.: Considera que está ben visto socialmente que existan mulleres que ocupen este tipo de cargos?
Nerea Vila: Os cargos máis importantes neste mundo seguen ocupados por homes. As mulleres van conseguindo cousiñas pouco a pouco, chegando a categorías de arbitraxe máis altas, etc. Pero é certo que segue sendo unha mínima parte comparado cos homes. Realmente, non creo que sexa cuestión de diferenzas de xénero, senón que é un camiño que comezamos a facer hai moi pouco; queda moito traballo por diante, pero o camiño é o correcto.

A.N.: Sentiu algún tipo de discriminación ao longo da súa carreira como deportista e como árbitro polo feito de ser muller?
Nerea Vila: Na miña carreira como árbitra non sentín discriminación, pero cando era deportista si sentía que me estaba metendo nun mundo de homes e que eles non estaban preparados para lidar con iso. Agora, moitos anos despois, doume conta de que máis ca machismo eran adolescentes que non sabían como tratar cunha situación nova. Como adulta, nunca sentín que por ser muller se me fixese de menos.
Nerea Vila: “Na miña carreira como árbitra non sentín discriminación, pero cando era deportista si sentía que me estaba metendo nun mundo de homes e que eles non estaban preparados para lidar con iso. Agora, moitos anos despois, doume conta de que máis ca machismo eran adolescentes que non sabían como tratar cunha situación nova. Como adulta, nunca sentín que por ser muller se me fixese de menos”.
A.N.: Existen diferenzas no modo de dirixir un combate se o fai un home ou unha muller?
Nerea Vila: Non me parece que haxa diferenza entre o que fan eles e o que facemos nós. Nós sabemos cal é o noso traballo, os deportistas saben cal é o noso traballo e, persoalmente, nunca vivín unha situación da que me sentise incómoda por ser muller.
A.N.: Como recorda o seu primeiro torneo como árbitro? Cambia moito a perspectiva cando pasa de loitadora á figura arbitral?
Nerea Vila: Moitísimo. Nas miñas primeiras competicións como árbitro, en realidade non era árbitra como tal; apenas saía ao tapiz a arbitrar. Nas primeiras competicións, xa tendo en mente que quería ser árbitro e ascender, recordo que aínda tiña moi presente o meu ‘chip’ de loitadora. É algo que, incluso agora, me recordan moito, porque a miña posición no tapiz era a mesma que a dos loitadores, porque aínda tiña dentro esa forma de estar dun deportista. É moi diferente estar no medio do tapiz cun chifre que cunhas botas para loitar e é algo ao que te tes que ir acostumando pouco a pouco.
Nerea Vila lembra cando foi campioa de España
A.N.: Cal é o momento que recorda con máis emoción como deportista e como árbitro?
Nerea Vila: Na miña carreira como deportista, a miña última competición, que foi cando quedei campioa de España. A parte foi un combate moi duro cunha rival de moi boa categoría e recordo que foi o momento máis emocionante da miña vida como deportista. A nivel arbitral, a verdade é que desfruto de todas as competicións, pero supoño que a de maior emoción foi cando saín internacionalmente, que non foi en Loitas Olímpicas, senón como árbitro de Loita Praia.
Nerea Vila: “Na miña carreira como deportista, a miña última competición, que foi cando quedei campioa de España. A parte foi un combate moi duro cunha rival de moi boa categoría e recordo que foi o momento máis emocionante da miña vida como deportista. A nivel arbitral, a verdade é que desfruto de todas as competicións, pero supoño que a de maior emoción foi cando saín internacionalmente, que non foi en Loitas Olímpicas, senón como árbitro de Loita Praia”

A.N.: Aínda lle queda algún soño por cumprir como árbitro?
Nerea Vila: Si, actualmente son árbitra de primeira categoría estatal e gustaríame ascender a árbitra de categoría internacional. Hai que ter paciencia, somos moitos e non teño présa, pero, de cara ao futuro, si que o vexo como algo probable.
A.N.: Ademais de ser árbitra, dedícase a algo relacionado co deporte?
Nerea Vila: Si, son adestradora persoal.
A.N.: Cree que unha maior repercusión en medios chamaría máis nenas e nenos?
Nerea Vila: Por suposto. Cando falo coa xente da Loita Olímpica, a maioría non sabe nin o que é; pensa que nos pegamos. E non, para nada. Eu creo que saír máis nos medios e que nos coñecesen máis chamaría moitísimo máis á xente e sería estupendo.
Nerea Vila: “Actualmente son árbitra de primeira categoría estatal e gustaríame ascender a árbitra de categoría internacional. Hai que ter paciencia, somos moitos e non teño présa, pero, de cara ao futuro, si que o vexo como algo probable”
A.N.: Que mensaxe lle daría ás nenas ou mulleres máis mozas que queiran achegarse aos deportes de loita?
Nerea Vila: Creo que agora xa avanzamos moito con estes temas e xa non se ven tanto como deportes máis masculinizados ou máis feminizados. Eu díralle que, ao final, o que importa é aquilo que a cada persoa lle guste e lle faga feliz, e que sempre se debe rodear de persoas que lle sumen e lle fagan aprender. Iso é o máis importante á hora de facer calquera cousa, no deporte ou na vida persoal. Se o que lles fai felices é un deporte de contacto, adiante, son deportes moi bonitos.
Nerea Vila: “Gustaríame resaltar que en Galicia temos moitas mulleres árbitros, eu creo que case máis que en calquera outra comunidade autónoma e creo que estaría ben recoñecelo, porque penso que é un traballo que se está facendo moi ben dende o Colexio Galego de Árbitros”
A.N.: Non sei se lle gustaría engadir algo máis.
Nerea Vila: Gustaríame resaltar que en Galicia temos moitas mulleres árbitros, eu creo que case máis que en calquera outra comunidade autónoma e creo que estaría ben recoñecelo, porque penso que é un traballo que se está facendo moi ben dende o Colexio Galego de Árbitros.





















