O Dépor ABANCA 2023-24 vai tomando corpo. Son xa oito as futbolistas confirmadas logo de que o RC Deportivo anunciase a renovación da brasileira Millene Cabral. Ao frente do banco seguirá Irene Ferreras.
A dianteira aportará pólvora ao ataque deportivista. Millene Cabral foi a máxima goleadora deportivista no curso pasado. Asinou 13 goles entre Liga (10 tantos na Primera Federación) e Copa da Raíña (3 dianas). Fíxoo tras disputar máis de 30 partidos, non sempre como titular (saíu de inicio 24 veces). Sumou 2.214 minutos xogados no curso 2022-23, logo de xogar en 32 dos 36 partidos oficiais do pasado curso, segundo informa o RC Deportivo.
Millene Cabral (Porto Alegre, Brasil) chegaba ao Dépor ABANCA o ano pasado desde o Rayo Vallecano co que disputara 26 partidos (14 como titular) e marcara 3 goles na Primera Iberdrola. Antes tiña militado no Real Sporting de Gijón, onde fora máxima goleadora da Reto Iberdrola na tempada 2020-2021 (anotara 16 goles en 22 encontros, sendo titular en 21 partidos).
Antes de chegar a España, Millene Cabral militara en equipos como a universidade estadounidense Martin Methodist (agora University of Tennessee Southern), no Vegalta Sendai nipón, e no LA Galaxy norteamericano e no Foz Cataratas FC brasileiro.
#ASNOSAS | Millene amplía a súa vinculación co #DéporABANCA https://t.co/Hqhdd7WILk pic.twitter.com/KFOgsMtnVS
— RC Deportivo (@RCDeportivo) June 20, 2023
Millene Cabral, a oitava deportivista confirmada
Millene Cabral é a oitaba xogadora que se confirma nas filas do Dépor ABANCA 2023-24 que adestrará por segundo ano a técnica madrileña Irene Ferreras. Xa tiñan contrato futbolistas como Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Inés Altamira ou Carlota Suárez. Renovouse a deportistas como Henar Muiña, Lucía Alba, a capitá Cris Martínez e a brasileira Millene Cabral.
Pola contra sábese que non continuarán no proxecto deportivista para o curso 2023-24 as futbolistas Lorena Reina, Aroa Guerra e Patri López, as dúas últimas, galegas.
Ver esta publicación en Instagram