Esta fin de semana celebrouse o Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual (CRI) – Copa Deputación de Ourense. A cita ciclista disputouse en Baños de Molgás e nela impuxéronse nas súas respectivas categorías: Mila López, Aida Valiño, Carla Fernández, Liza Caballero e Natalia Raña.
No caso da a paraciclista Mila López, do Club Ciclista Riazor, repetiu título autonómico e se tomou a proba a “modo de test cara a os Campionatos de España que se celebrarán en menos dun mes”, segundo explicaban desde o CC Riazor.

Mentres que a lucense Aida Valiño (Máster da Louriña) marcou o mellor rexistro entre as mulleres cun crono de 19:36 e lle arrebaou a coroa elite por 1:33 de diferenza a María Jesús Barros (Spol). Barca Toba (Farto-Aguas do Paraño) rematou terceira na categoría raíña feminina.
O título Sub23 non se lle escapou á gran favorita, Carla Fernández (Río Miera), segundo informa a Federación Galega de Ciclismo. A viguesa tivo como principal adversaria a Zaida González (O Rosal), mentres que na pugna polo bronce impúxose Paula Faraldo (Vigués).
As dúas categorías femininas de másters que se celebraron no circuito ourensán cambiaron de campioas respecto ao 2019. Liza Caballero (Team Cabañas) subiu ao chanzo máis alto do caixón nas máster-40, con Montserrat Martínez (Oiense) colgándose a medalla de prata e Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), a de bronce.
A clasificación máster-40 tivo como primeira clasificada a Natalia Raña (Corbelo), con Cristina Molina (Vigués) segunda e Ana María González (Mitto) terceira.
O protocolo COVID inclúe máscara
A competición estivo organizada polo Club Ciclista ADO Moure e a Federación Galega. Foi a primeira proba ciclista en Galicia na que se puxo en práctica o protocolo para esta disciplina. Segundo explicaba a organización, este consistía en que as corredoras “deberán ter posta a máscara ata 30 segundos antes de empezar a darlle os pedais e gardala na súa roupa de competición para volver poñela unha vez crucen a liña de meta. Ningún técnico nin acompañante poderá estar na zona de saída nin de chegada”.