O Dépor ABANCA, segundo clasificado na Reto Iberdrola, leva sen coñecer a vitoria desde o pasado mes de xaneiro, pero o seu adestrador, Miguel Llorente, confía no equipo. “Estamos ben e confiadas porque todo forma parte do proceso e fai que cada vez sexamos mellores. E cada vez somos mellores, cada vez controlamos mellor os partidos, e é cuestión de que pase este mal momento, porque todo pasa, e volver gañar”, declarou este xoves en rolda de prensa.
Na última xornada, as deportivistas cederon o empate ante o Seagull en casa, un resultado que “sabe mal” xa que o partido “non era para empatar” en palabras do técnico, que recoñece que o seu plantel xerou ocasións claras de gol malia non asinar os tres puntos.
A mellor noticia deste encontro foi a titulariedade de María Figueroa por primeira vez na tempada ligueira. Segundo apunta Llorente, a canteirana é “unha xogadora que desde o primeiro día chamoume a atención porque entende o xogo como ninguén”.
Figueroa adoita axudar ao técnico nos adestramentos: “Moitas veces a min cústame explicar unha tarefa e ella é a que llo explica ás xogadoras“. Sobre a súa actuación no último encontro, o míster asegurou que “xogou minutos moi bos, xogando fácil, que é o que pedimos e o que da resultado e fixo moi bo partido”.
Xornada especial para Miguel Llorente
Esta será unha fin de semana moi especial para Miguel Llorente. O Dépor ABANCA viaxa a Barcelona para enfrontarse ao Barça B, o antigo equipo do preparador branquiazul, que asegura ter “moitas ganas de ir, xogar contra elas e desfrutar do partido e da xente”.
Para o adestrador este será “un partido marabilloso onde se vai ver bo fútbol por parte dos dous equipos, e estou seguro de que gañaremos e traeremos os tres puntos”.
Llorente: “Vai ser un partido marabilloso onde se vai ver bo fútbol por parte dos dous equipos”
Sobre o nivel do rival, un equipo con xogadoras que coñece ben, o míster sinala que “a nivel de calidade non sei se é o equipo que máis calidade ten de toda a liga, pero desde logo é dos que máis calidade ten, xogando dunha maneira moi específica“.
O apartado de baixas
Para o duelo do sábado, serán baixa Paula Gutiérrez, Merino, Sierra, Goretti e Aroa. Con todo, isto non impedirá ás coruñesas facer un bo partido.
“As baixas, pola nosa maneira de xogar, nótanse no persoal pero non no futbolístico porque intento que esa idea que propoñemos sexa de equipo, o que gana é o equipo, o que perde é o equipo e o que xoga é o euqipo. Insisto en que as tarefas e no momento de ver o xogo haxa unha visión conxunta”, explica Llorente.
Miguel Llorente: “As baixas, pola nosa maneira de xogar, nótanse no persoal pero non no futbolístico”
Lonxe da idea xeralizada de que “no fútbol de cambiar ficha por ficha”, o adestrador prefire ver o xogo como “algo global que todas entenden igual”. Así “persoalmente nótase a baixa, porque somos un euqipo unido e gústanos vernos as caras todos os días. A nivel futbolístico a intención conxunta que temos non vai notar a baixa nin moito menos”, engadiu.
Este estilo de xogo maniféstase semana tras semana, nas que Llorente ve o progreso do equipo: “Díxenllo ás xogadoras, e volvo repetir, creo que estamos moi ben. Vexo os partidos mil veces e estamos moi ben, somos fieles ao que facemos desde o principio e non imos cambiar nada. O momento de curvas é o momento de acelerar e non de cambiar e facer cousas diferentes“.
Un Reto ata o final
O Dépor ABANCA non é o único dos clubs da zona alta que está a pinchar nas últimas xornadas. Na última fin de semana disputada, todos os equipos dos primeiros postos empataron ou perderon os seus partidos, unha mostra do igualado da competición.
“En Reto está claro que vai haber igualdade ata o final, que se vai decidir nos últimos partidos. Sabía que o Levante podía pinchar, que o Logroño podía pinchar e do Logroño Espanyol algo podiamos sacar. Vai ser asi ata o final de tempada e por iso é importante relativizar. É cuestión de tomar as vitorais, as derrotas e os empates como algo máis pero non o principal, o principal é o xogo, é a idea, saber o que facemos e ao que xogamos. Vai ser ese proceso o que nos vai levar ao ascenso”, afirma Llorente.