O Dépor ABANCA de Miguel Llorente regresa a casa nesta fin de semana, xogando en Abegondo ante o Parquesol este sábado ás 17:00 horas. Un rival que é unha incógnita, ao ter cambiado de adestrador hai só uns días, pero que non preocupa ao adestrador branquiazul.
O preparador confía plenamente nas súas xogadoras e no seu estilo de xogo, asegurando que “a adaptación é clave. Se tivera que elixir entre os puntos claves para min como adestrador, sería unha das máis importantes seguro. O obxectivo de todo adestrador é ser prescindibles. Ao final teñen que ser elas as que saiban xestionar o que pasa en cada momento”.
Estilo adaptable
Llorente incidiu en que as súas sesións de traballo co Dépor ABANCA céntranse en que “non hai nada pechado, é todo aberto e incerto. Iso fai que estean preparadas para calquera partido”.
A adaptación do equipo a distintos tipos de duelo refléxase tamén nas posicións: “Todas pasan por todos os roles e o meu obxectivo é que entendan o xogo na súa total globalidade. A partir de aí, pase o que pase, que saiban reaccionar para ben e sacar os partidos adiante”.
Llorente: “Pase o que pase, que saiban reaccionar para ben e sacar os partidos adiante”
A última vitoria do Dépor ABANCA foi na pasada xornada ante o Pradejón, partido que Llorente e as súas xogadoras desfrutaron porque “da gusto con equipos tan valentes e atrevidos, que viñeron a apretar arriba desde o minuto un”.
As deportivistas non se quedaron atrás, “porque está claro que ás nosas vailles a marcha, arriscaron dentro do noso risco, que é o que practicamos todas as semanas, polo que non é tanto risco”.
“Foi un bo partido, diferente do que atoparamos ata agora, pero tamén esta ben para saber que é o que imos atopar e saír de aí”, resumiu o míster.
Volta a casa
O duelo desta xornada será a volta do Dépor ABANCA a Abegondo, onde leva un pleno de vitorias esta tempada. O rival será o Parquesol, un equipo que estrea adestrador, polo que poderá sorprender ás galegas.
“Está moi ben que veña agora, porque non sabemos nada delas”, afirma Llorente, quen explica que desta forma “outra vez tes que afianzar o que é o teu, independentemente do que veña facer o rival”,
O partido tamén será especial ao ser o primeiro do ano ante a afección branquiazul. O adestrador destacou o ambiente especial que sempre impera en Abegondo, asegurando que “O ambiente, respectando a todo o mundo, eu non o vivín noutro campo de Reto. Está claro que axuda moitísimo, creo que canto máis xente veña máis fortes imos ser”.
Unha primeira volta “marabillosa”
A falta dun partido para rematar a primeira volta, o Dépor ABANCA é colíder, a un punto do Levante Las Planas, cun partido menos. Despois dos seus primeiros meses no banco deportivista, Llorente define este tempo como “marabilloso. Ao mellor outra persoa gardaríase a opinión, pero para min é marabilloso. O que atopei aquí é un recibimento brutal, xente moi cercana, isto é unha familia e é o que eu persoalmente necesitaba”
Llorente: “Isto é unha familia e é o que eu persoalmente necesitaba”
O adestrador chegou cun equipo xa formado, pero afortunadamente isto non foi un obstáculo: “Viña cun equipo feito e podería ter saído mal, poderiamos ter tido ideas totalmente contrarias a Manu e a Pablo que son os que montaron o equipo pero pese a non ser as mesmasideas, son bastante cercanas e puiden aproveitarme dese traballo que fixeron eles e ademais nos acompañan os resultados”.
Malia a súa confianza en conseguir que o equipo funcionara, Llorente admite que tiña dúbidas sobre o tempo que tardaría en conseguilo: “Sempre llo dixen, que imos máis rápido do que eu cría e rematamosa primeira volta como “líderes”, polo tanto a clasificación é boísima e con posibilidades de aspirar a todo ata finais de tempada”.
Carlota, unha xogadora “insubstituíbel”
O preparador tamén tivo tempo para falar de Carlota, unha xogadora que define como “insubstituíbel”, pola súa capacidade de adaptación e por poder xogar en distintas posicións. “A podes poñer case ata de porteira”, bromeou.
Miguel Llorente: “Podes poñer a Carlota case ata de porteira”
Miguel Llorente destaca dela o seu “atrevemento e calidade”, e asegura que “pode xogar onde queira ou onde nós decidamos”, encaixando coa súa visión do fútbol. “Sabe cando ten que xirar, cando xogar de cara, cando conducir, e cando ten que ir para dentro ou fóra. Para min é moi cómodo ter a unha xogadora como Carlota. A podes poñer en calquera posición, que sabes que vai rendir ben e cumpre todos os requisitos que ten que ter unha xogadora”, rematou.