- O primeiro equipo do Mecalia Atlético Guardés xogará seis amigables e a Supercopa Galicia.
O Mecalia Atlético Guardés xa definiu a folla de roteiro da pretemporada, unha fase que será chave para que as xogadoras cheguen nas mellores condicións á liga Guerreras Iberdrola 2023/24, que arrincará para o conxunto miñoto o día 2 de setembro en Villava (Navarra), contra o Beti-Onak. Ata entón, o equipo dirixido por Cristina Cabeza disputará seis amigables en agosto (un deles, o Trofeo Festas do Monte, e polo menos outros dous no torneo Summer BAG Experience), ademais da Supercopa Galicia.
O primeiro partido da fase preparatoria será contra o Lobas Global Atac Oviedo, na Florida Area, o vindeiro venres 4 de agosto, ás 19:00 horas. A técnica lusa Ana Seabra será a encargada de dirixir ao Guardés debido a que Cristina Cabeza, na súa condición de seleccionadora das Guerreras Xuvenís, estará concentrada en Bakú (Acerbaixán), do 3 ao 14 de agosto, para afrontar o Europeo.
O partido de volta terá lugar o mércores, día 9 de agosto, ás 20:30 horas. Non será un partido calquera: xogarase o Trofeo Festas do Monte, en conmemoración das festas tradicionais da Guarda, e supoñerá o primeiro atopo na casa neste novo curso 2023/24.
Tras os dous choques contra o Oviedo haberá derbi: Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa BM Porriño mediranse na Sangriña o martes, día 15, ás 12:30 horas. Cristina Cabeza estrearase pilotando o primeiro equipo, que xogará dous partidos seguidos en casa e reencontrarase de novo coa súa afección.
Sen cambiar de semana, o Mecalia Atlético Guardés disputará un amigable contra o Beti-Onak. O conxunto miñoto xogará como local en Fuentes Carrionas (Palencia), no Polideportivo municipal de Gardo, o sábado 19 de agosto. Horario pendente de definir.
Un ano máis, o Guardés estará na Summer BAG
O Mecalia Atlético Guardés viaxará posteriormente a Villacelama (León), que se converte este ano na sede permanente do torneo Summer BAG Experience creado por Super Amara Bera Bera, Caja Rural Aula Valladolid e o conxunto miñoto. Na edición número cinco do Summer BAG Experience, o Mecalia Atlético Guardés medirase contra o Rocasa Gran Canaria (equipo invitado) o venres 25, ás 20:30 horas. Ao día seguinte, o sábado 26, disputarase ás 18:30 horas o terceiro e cuarto posto e, ás 20:30, a final.
Tras o torneo en Villacelama, o domingo día 27, o conxunto miñoto volverá ver as caras contra o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño na Supercopa Galicia. Lugar e hora de partido, pendentes de definir.