- O conxunto miñoto do Guardés inicia a pretemporada, que durará 40 días, e faino cunha dobre sesión de adestramento.
- Abel González traballou con todo o bloque salvo a paraguaia Pauli Fernández, que se incorporará nuns días debido a uns asuntos burocráticos.
O Mecalia Atlético Guardés 2022/23 leva ancoras, solta amarras e desprega as velas cara a unha nova tempada. Por diante, dez meses de traballo que comezan con 40 días de pretemporada. Unha fase preparatoria fundamental para logo ter unha boa singradura ligueira, copeira e europea.
Abel González dirixiu no Municipal do Rosal os seus dous primeiros adestramentos como técnico principal do equipo miñoto. Fíxoo con todo o bloque de xogadoras presente, fóra da paraguaia Pauli Fernández, que tardará uns días en incorporarse debido a uns asuntos burocráticos. Si estiveron os outros seis fichaxes para este curso:-África Sempere, Giselle Menéndez, Cristina Cifuentes, Celia López, Elena Amores e Júlia Noz. Tamén acudiu Carolina Silva, que se segue recuperando da súa lesión no tendón de aquiles.
A sesión matinal de adestramento do Mecalia Atlético Guardés -de 9:00 a 11:00- foi eminentemente física, con Joao Mesquita dando as primeiras puntadas ao estado de forma das xogadoras con traballo de ximnasio. Pola tarde -de 17:30 a 19:30- houbo traballo de pista, cos apuntamentos iniciais do libreto de Abel González, asistido por outra das caras novas deste curso, a técnica lusa Ana Seabra. Ambas as sesións foron moi suaves. Unha toma de contacto.
A intensidade irá subindo progresivamente durante o próximas seis semanas. Na actual, o equipo compaxinará os adestramentos cos recoñecementos médicos, que se realizarán sucesivamente o mércores, o xoves e o venres. A partir de aí, entrenos diarios -a maioría en dobre sesión- con descanso case todos os domingos. Todo iso orbitando entre O Rosal e outras localizacións debido ás obras de reforma do pavillón da Sangriña.
A competición comeza para o Mecalia Atlético Guardés en setembro diante o Granollers
No traxecto cara a ese 3 de setembro, cando o barco guardés dá comezo á súa singradura ligueira diante o Granollers, haberá cinco paradas en forma de partidos amigables.
O primeiro, o venres 12 de agosto, na Cañiza diante o conxunto local, que repite como filial esta tempada e que terá no seu persoal ata catro xogadoras do Guardés.
O sábado 20, o conxunto de Abel González visita á Aula en Valladolid. O prato forte chegará na última semana da pretemporada, coa disputa do Summer BAG Experience o venres 26 e o sábado 27 -cos detalles aínda por perfilar- e a Supercopa Galicia, o domingo 28.