- Victoria cómoda para o Mecalia Atlético Guardés no seu primeiro encontro contra o Elda Prestigio, recentemente ascendido.
- O conxunto miñoto racha a súa mala serie fóra de casa no Partido Estrella da Liga Guerreras Iberdrola.
O Mecalia Atlético Guardés buscou en Elda a súa primeira vitoria lonxe da Sangriña e atopouna no Partido Estrella (25-38), o primeiro xogado no Florentino Ibáñez contra o Elda Prestigio, recentemente ascendido á liga Guerreiras Iberdrola.
O conxunto miñoto brillou nos primeiros compases do envite, tanto en ataque como en defensa. María Palomo abriu a lata e Ronsel Carrera conseguiu deter varios lanzamentos das alacantinas.
No minuto 7, coa expulsión de dous minutos a Pauli Fernández, o Elda Prestigio reduciu distancias grazas a Rafi Gonçalves, que anotou o seu segundo 7 metros e puxo un 3-5 no marcador. Con todo, o Guardés atopábase imparable: a pesar da inferioridade numérica, Itziar Martínez non tardou en anotar o seu terceiro gol.
Antes de chegar á metade do primeiro tempo, o Mecalia Atlético Guardés conseguiu dobrar ao Elda Prestigio no marcador cun 5-10. As xogadoras que adestra Cris Cabeza conseguiron atopar ocos en ataque e mantiveron unha sólida defensa. Pola súa banda, alacantinas seguiron vivas grazas a Rafi Gonçalvez e a súa eficacia nos 7 metros, pois no minuto 17 lograba anotar o quinto (7-13), que non sería o último.
Con todo, ao equipo local custáballe sumar goles, en parte, porque Estela Carrera non o puxo nada fácil. A gardameta deleitou ao público da súa cidade natal con 5 paradas antes de chegar ao minuto 25.
Tras a expulsión de dous minutos á visitante María Sancha, as xogadoras de Chema Vives aproveitaron a súa segunda superioridade para anotar. María Mulet sumou dous tantos para o conxunto alacantino, pero o Guardés non se deixou sorprender e finalizou o primeiro tempo, de novo, cunha extraordinaria parada de Estela Carrera. Os equipos chegaron ao descanso cun 13-19 no marcador.
Tremendo arranque da segunda parte do Mecalia
O partido renovouse co sexto gol de Itziar Martínez, asinando un seis de seis, dous goles de Cristina Cifuentes e un de Elena Amores. O conxunto miñoto comezou a segunda metade de maneira irresistible. Saíulle todo.
O equipo alacantino só conseguiu anotar un gol os cinco primeiros minutos fronte a un Guardés que lle levaba unha vantaxe de 11 goles (14-25). A única vía de facer gol para as alacantinas foron os 7 metros lanzados por Rafi Gonçalvez, que marcou o seu oitavo e noveno penalti nos minutos 37 e 39. Con todo, o conxunto local do Elda Prestigio pouco puido facer. Os ataques do Mecalia eran rapidísimos e seguros.
No minuto 42, o Mecalia Atlético Guardés volveu xogar cunha de menos tras a expulsión de Blazka Hauptman, pero durou pouco pola exclusión de dous minutos á local María de Gracia segundos despois. Con todo, Sandra Radovic foi excluída no minuto 43 poñéndollo un pouco máis fácil ás locais. Foi o momento no que Rafi Gonçalvez anotou o seu décimo 7 metros.
A pesar da inferioridade numérica, o equipo miñoto mantívose moi esperto. No minuto 48, a vantaxe para o Mecalia Atlético Guardés era de 10 goles (32-22). E esa diferenza abismal mantívose ata o final do encontro, que concluíu cun rotundo 25-38.
O Mecalia Atlético Guardés descansará a próxima xornada. Volverá xogar o mércores, día 1 de novembro, ás 13:00 horas na Sangriña fronte ao Costa do Sol Málaga. Sera o Partido Estrela da Xornada 9.
FICHA TÉCNICA
25) ELDA PRESTIGIO (13+12): Lucía García (1), María de Gracia (3), María Mulet (4), Sol Ariadna Azcune (2), Agda Rafaela Gonçalves (11), Luna Villaescucsa (1), María Asunción Sánchez (p.), Lucía Prades (p.), Sofía Clara, Andrea Claramonte, María Rodríguez (1), Beatriz Escribano (1), Claudia Martínez, Paula Lluch, Aitana Pastor (1) e Kassia Janete.
38) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (19+19): Estela Carrera (p.), Cecilia Cacheda (3), María Palomo
(6), Pauli Fernández (3), Cristina Cifuentes (4), Itziar Martínez (10), Elena Amores (5), María Sancha (1), Míriam Sempere (p.), África Sempere (3), Ania Ramos (2), Sandra Radovic (1) e Andreza Almeida.
PARCIAIS: 1-5; 4-7; 5-11; 9-15; 10-17; 13-19 (descanso); 14-25; 18-29; 20-32; 22-34; 23-34 e 25-38.
EQUIPO ARBITRAL: Luis Colmenero e Víctor Rollán. Amonestaron con carón amarelo á visitante Bea Escribano (min. 2). Excluíron con dous minutos ás visitantes Pauli Fernández (min. 7), María Sancha (min. 26), Blazka Hauptman (min. 42), Sandra Radovic (min. 43) e África Sempere (min. 51); así como á xogadora local María de Gracia (min. 43).
INCIDENCIAS: Partido Estrella da sétima xornada da Liga Guerreras Iberdrola, disputado no Pabellón Ciudad de Elda-Florentino Ibáñez.