Este venres, 3 de febreiro, ás 21:00 horas no Pavillón Municipal do Porriño enfrontaranse o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño e o Zubileta Evolution Zuazo Barakaldo. O encontro corresponde á 13ª xornada da liga Guerreras Iberdrola e vaise emitir en directo por Teledeporte.
O Zubileta Evolution Zuazo Barakaldo chega a Galicia logo de enfrontrarse ao Rocasa Gran Canaria nun partido moi complicado e que terminou con igualdade no marcador (28-28). O conxunto vasco vén atravesando un momento complicado situándose penúltimo na táboa con tan só sete puntos.
Pola súa banda, o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño na última xornada non puido obter a vitoria diante o Motive.Co Gijón, tras un partido frenético e no que as asturianas sumaron os dous puntos por un resultado de 24-21. O conxunto porriñés atópase terceiro na clasificación cun total de 16 puntos.
Despois dos dous últimos partidos o adestrador das galegas, Ismael Martínez, quere darlle a volta á dinámica e seguir soñando en equipo. “Temos que tentar repoñernos das dúas últimas derrotas que foron duras. Competimos os partidos, pero escapáronsenos nos minutos finais e temos que empezar a volver á dinámica de xogo”.
Ante o Zubileta Evolution “hai que etar ben nas axudas”, di Martínez
Con respecto ao seu rival, o Zubileta Evolution Zuazo Barakaldo, o técnico do Conservas Orbe Rubensa BM Porriño explicaba que “é un equipo moi traballado, teñen unha filosofía de traballo desde hai moitísimos anos cun modelo moi estable e a verdade que é un equipo moi complicado”
Ismael Martínez destaca o gran traballo que hai detrás do persoal do conxunto de Barakaldo “teñen moi bo xogo dun contra un e moi asimilados os principios de continuidade do xogo”. Cre que, para compensar estes posibles problemas, a clave pasa por “estar moi ben nas axudas e que non sentan cómodas no xogo en proximidade”.
“É un partido bonito porque se xoga por Teledeporte. Imos tentar seguir sumando e loitar pola liga que é algo que nos ilusiona a todos” concluía o adestrador.