O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Trofeo Internacional Feminino Squash Cidade de Santiago, o torneo desta disciplina máis importante que se celebrará en España dende o Mundial de Madrid en 2007, e no que participarán 24 xogadoras clasificadas entre as 100 mellores raquetas do mundo.
Lete Lasa destacou a importancia de que esta competición teña lugar en Galicia, unha terra que conta con grandes xogadores desta modalidade deportiva como Xisela Aranda, sete veces campioa de España, e Borja Golán, o mellor xogador español da historia que acadou 17 campionatos nacionais e que chegou a ser o número 5 mundial.
O mandatario galego asegurou que esta base “de grandes torneos e mellores xogadores” é sobre a que se está a construír o futuro do squash galego, un deporte que será olímpico en Los Ángeles. De cara a esa tecnificación, o propio Borja Golán dirixe o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Squash.
Os 13 NADEs cos que conta Galicia están encamiñados á participación dos deportistas galegos en Xogos Olímpicos ou Paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.
O Trofeo Internacional Feminino Squash Cidade de Santiago, organizado polo propio Borja Golán co apoio da Xunta de Galicia, contará coa participación dunha galega, a viguesa Marta Domínguez, número 52 mundial e á que Lete Lasa desexou a mellor das sortes. “Ela é, neste momento, a máxima figura do squash galego e a referente para moitos nenos e nenas que queren seguir os seus pasos”, dixo.
Ver esta publicación en Instagram
O 40% das licencias galegas de squash son femininas
A Federación Galega de Squash conta neste momento con medio milleiro de licenzas das que o 40% son femininas, un das porcentaxes máis igualitarias entre todas as federacións.
Ademais, tamén o 40% desas licenzas corresponden a nenos e nenas entre 6 e 16 anos, inscritos no Programa Xogade e cuxo seguro deportivo sufraga a Xunta de Galicia.





















