Este domingo ás 12:30 horas, o Maristas Coruña acudirá á cancha do HGB Ausarta Barakaldo EST para disputar o encontro correspondente á sétima xornada da Liga Feminina 2.
Tanto o Maristas como o Barakaldo chegan moi igualados ao encontro. Cunha traxectoria polo de agora moi similar, galegas e vascas chegan á sétima xornada con sete puntos e dous vitorias de cinco partidos disputados. Porén, o Maristas atópase dous postos por riba do Barakaldo, na sexta posición, ao ter máis puntos ao seu favor. En termos dos puntos de valoración, ambos conxuntos están tamén moi preto, cun 53,8 de media no Barakaldo e 53,4 no Maristas. Ademais, ambos veñen dunha derrota contra o Azkoitia Azpeitia ISB.
As galegas recibiron en casa ao conxunto vasco o pasado sábado, 7 de novembro. O Maristas perdeu así a súa racha de dúas vitorias consecutivas nun partido completamente dominado polo Azpeitia na primeira parte. A segunda metade semellaba a ocasión das coruñesas para remontar, cun terceiro cuarto no que foron superiores, pero que non foi suficiente para gañar.
Os dous puntos marcharon ao País Vasco, onde o xoves 12 o Azpeitia enfrontábase ao Barakaldo. O derbi vasco resultou nun triunfo para as locais, sumándolle unha derrota a un Barakaldo que viña de perder 76-46 contra o Baxi Ferrol.
Andrea Pérez, do Maristas, a xogadora mellor valorada da competición
A alero porriñesa Andrea Pérez está liderando dous ránkings da Liga Feminina 2. A xogadora do Maristas é a máxima anotadora da competición, con 84 puntos e unha media de 16,8 por partido. As súas boas actuacións na pista lévanlle tamén a ser a xogadora mellor valorada incluso cando o seu equipo non gaña.
Foi o caso da última xornada, cando as coruñesas perderon fronte ao Azpeitia, pero Andrea Pérez obtivo 27 puntos de valoración. Desta forma, a xogadora é tamén a líder do ránking por valoracións, cunha media de 19,2 puntos por partido e un total de 96 nos cinco partidos disputados.
Pérez cólase ademais entre a lista de xogadoras con mellor porcentaxe de triples anotados, ocupando a oitava posición. Un ránking que encabeza unha das súas compañeiras do Maristas, a base Marina Feijoo, cunha media de 66,67% de acertos dende a liña de tres.
No listado de máximas reboteadoras atópase outra xogadora do Maristas. Trátase da pívot Laura Cervelo, cunha media de 6,8 rebotes por partido o que a sitúa na sétima posición. No caso dos rebotes ofensivos, as súas boas actuacións a posicionan no terceiro posto.
#LF2 Jornada 7@BARAKALDO__EST – Maristas Coruñahttps://t.co/wf5gGSt2lC@SomosABANCA @Deportegalego @FundEmalcsa @CompeticionFEB @FGB_Baloncesto @fdeportegal @Xunta #NON #Maristas #ActitudparaAprender #ElSueñoContinúa pic.twitter.com/x7nKd71GcD
— Club Maristas Coruña (@MaristasCoruna) November 11, 2020
Jorge Carreira terá a súa disposición a moitas xogadoras de calidade para a cita desta semana. O encontro, enmarcado na sétima xornada, disputarase no polideportivo Lasesarre, o domingo, 15 de novembro, ás 12:30 horas. Poderá ademais seguirse a través do Canal FEB.