O Campionato Galego de Waterpolo Infantil finalizou con vitoria para o C. Marina Ferrol. O equipo da cidade departamental impúxose na final ao C.W. Coruña Rías Altas, cun resultado 9-2, que lle permitiu erixirse como campión desta competición mixta.
A competición celebrouse nunha única sesión matinal o pasado domingo, 16 de maio, seguindo o sistema do xogo KO, con rolda de perdedores e gañadores. Seguindo as medidas sanitarias, o evento celebrouse sen público e respectando os protocolos establecidos.
O Marina Ferrol foi o mellor clasificado dunha proba na que competiron en casa, na piscina do C.D.J. Gómez Noya de Ferrol. Na fase preliminar, o club venceu ao C.W. Santiago feminino por un 6-1 e ao mesmo equipo pero masculino cun 3-8.
A táboa completouse co C.W. Santiago masculino en terceira posición, o R.C.N. Vigo en cuarta, tras o duelo que os enfrontou e resultou nun 8-4 a favor dos composteláns. Finalmente, o quinto posto foi tamén para o C.W. Santiago, co conxunto feminino, que trunfou ante o Asociación Coruñesa de Waterpolo, por un 7-0.
Este campionato de waterpolo foi retransmitido vía streaming en Twitch. Podedes ver o último encontro, que deu a vitoria ao Marina Ferrol, nesta ligazón.
O C. Marina Ferrol celebra o regreso da competición de waterpolo
Á fin do torneo, o club vencedor mostrou a súa alegría polo regreso da competición de waterpolo, despois dun ano marcado pola pandemia da COVID-19. “Desde o Club Marina Ferrol manifestamos a nosa alegría por retomar a competición da sección de waterpolo, a máis duramente golpeada pola pandemia e o noso máis sincero parabén a todos os participantes”.