- O CV Arenal Emevé presentou nas instalacións de Ditram ás tres incorporacións cariocas: Marcella Amaral, Gustavo Romani e Gabriel Ferreira con estes tres xogadores, dous para o equipo masculino e unha para o feminino, o conxunto lucense terá un marcado acento brasileiro esta tempada
- “Gustaríame lograr un título e na Supercopa teremos unha gran oportunidade. Ver ás miñas compañeiras pelexando pola Copa o ano pasado espertoume aínda máis ganas de unirme a este proxecto”, desvelou a central Marcella Amaral
O Municipal de Lugo gozará esta tempada cunha atractiva fusión de muñeira e samba. Ata catro xogadores de nacionalidade brasileira defenderán a camiseta do CV Arenal Emevé esta campaña, dos cales tres son novas incorporacións.
As instalacións de Ditram Automoción en Lugo acolleron a presentación de Marcella Amaral, Gustavo Romani e Gabriel Ferreira. O trío de novas caras procedentes de Brasil unirase ao seu compatriota Vitão Ramos, que continúa unha tempada máis no club.
Cos vehículos de Mercedes-Benz como pano de fondo, os tres deportistas posaron para os medios nas súas primeiras instantáneas como loitadora e loitadores e atenderon á prensa. Para explicar a súa chegada a Lugo existe un denominador común: a recomendación da ex xogadora arxentina, Yael Castiglione, e o seu esposo o representante de xogadores, Marcus Eloe.
“O ano pasado Yael e Marcus estiveron aquí e recomendáronme a experiencia polas persoas que traballan no club. Déronme moita tranquilidade polas referencias sobre o adestrador e iso deume moitas ganas de vir para aprender máis”, recoñeceu o colocador Gabriel Ferreira.

De forma moi similar expresouse a central Marcella Amaral que explicaba: “Ofrecéronme excelentes referencias da cidade e o equipo, algo que xa supuxo algo positivo, ademais do bo contacto que tiven coa directiva. Tiña moi boas expectativas sobre a cidade”.
Pola súa parte o central Gustavo Romani explicaba: “Marcus e Vitão faláronme moi ben do equipo, da súa estrutura, das persoas que o integran…que ambos falasen comigo xeroume unha boa impresión e fixo que me animase a vir”.
Marcella Amaral: “Gustaríame lograr un título”
Os tres chegan á cidade con obxectivos ambiciosos. Marcella Amaral recoñeceu: “gustaríame lograr un título e na Supercopa teremos unha gran oportunidade. Ver ás miñas compañeiras pelexando pola Copa o ano pasado espertoume aínda máis ganas de unirme a este proxecto para buscar un triunfo desexado pola cidade”.
Pola súa banda Gustavo Romani expresou o seu desexo de “lograr unha actuación destacada a nivel individual, pero sobre todo axudar ao equipo para crecer e alcanzar obxectivos como entrar na Copa e os Play-Offs, algo que é bo para o club e tamén para os seus patrocinadores”.
Por último, Gabriel Ferreira manifestou que lle gustaría “crecer e mellorar en aspectos técnicos, pero tamén como persoa. Co grupo estou seguro de que chegaremos aos Play-Offs e apeteceríame ir máis aló, a unha semifinal ou unha final”. Os tres brasileiros xa traballan a pleno rendemento para alcanzar esas metas e os Loitadores coinciden en eloxiar o método do seu preparador, José Valle.
Gustavo Romani sinalou que lle gusta “moito a forma de ser de José. É firme e esíxenos, sábese comunicar connosco e, en definitiva, é un gran formador. Gústame moito o seu estilo de traballo” e Ferreira destacou “a seriedade do traballo físico con Javi e a pista con José. É un adestrador moi serio, coas cousas claras e será unha tempada de traballo duro co que logo virán os resultados”.
Pola súa banda Marcella Amaral revelou que “nos estamos preparando moi duro a diario para a Supercopa. Adestramos polas mañás, polas noites e con todo o mundo moi concentrado. Fáltanos que regresen Lucía, Carolina e Candela da Selección Española, pero se que imos chegar moi fortes a esa final”
Sobre a Supercopa, Marcella Amaral explicaba que o equipo estase “Preparando moi duro a diario. Fáltanos que regresen Lucía, Carolina e Candela da Selección Española, pero se que imos chegar moi fortes a esa final”
Ademais de para escoitar as primeiras palabras das fichaxes dos Loitadores e Loitadoras, o acto tamén serviu para simbolizar a continuidade da colaboración entre a empresa de automoción e o club lucense. O xerente do Grupo Ditram, Rubén Gil, mostrou a súa gratitude polo fortalecemento desta unión: “Queremos darlle as grazas ao club por querer seguir contando connosco como patrocinadores. Estamos seguros de que será unha tempada apaixonante e chea de retos, co listón moi alto por todo o logrado o ano pasado, por iso desexámoslles moita sorte”.
Pola súa banda, a presidenta do CV Arenal Emevé, Bibí Bouza, mostrou o seu orgullo por seguir contando co soporte dun referente nacional no seu sector: “Para nós é fundamental poder contar co apoio de empresas como Ditram para poder difundir o nome de Lugo por toda España. Ademais, é un orgullo para todos os que formamos parte do club, incluído os xogadores e xogadoras, sentir o respaldo de compañías tan importantes da nosa cidade”.