Cambios no banco do CV Arenal Emevé cara a vindeira tempada en Liga Iberdrola. José Valle, ata agora adestrador das loitadoras, deixa paso a Manuel Blanco para que asuma a dirección do equipo sénior.
“É un reto moi ilusionante que asumo con compromiso e responsabilidade tras estar tres anos xunto a José”, declarou ao club o novo técnico das lucenses. Valle deixa ao conxunto feminino despois de once anos e adestrará ao equipo masculino na próxima campaña.
Blanco, vello coñecido entre as lucenses
Manuel Blanco non é un nome novo para o equipo das lucenses. O técnico venezolano foi axudante de José Valle nas tres últimas tempadas, nas que participou no ascenso e a estabilización do Emevé na Liga Iberdrola, así como o subcampionato da Copa da Raíña desta mesma tempada.
No curso pasado, Blanco acadou o subcampionato de España xuvenil cun grupo no que estaban varias xogadoras que agora forman parte do primeiro plantel.
O preparador, orixinario de Guatire, desenvolveu unha exitosa carreira profesional como xogador durante 21 tempadas nas que foi internacional con Venezuela e no seu periplo polo volei español logrou un ascenso a Superliga e dúas Copas Príncipe, unha co Emevé e outra co Intasa San Sadurniño, club no que deu os seus primeiros pasos como adestrador.
Un reto para un novo adestrador
Nesta nova etapa, Blanco sinala que “é un reto moi ilusionante que asumo co compromiso e a responsabilidade da oportunidade que se me brinda tras estar tres anos xunto a José. El deixa un estandarte ben alto de todo o traballo que fixo ata hoxe. Espero estar á altura do reto que se me presenta”.
Manuel Blanco: “Espero estar á altura do reto que se me presenta”
O novo adestrador das loitadoras espera que o equipo “xogue con criterio, ordeado e que sepa sacar solucións en situacións complicadas. Agardo que as xogadoras teñan o compromiso, a dedicación e a entrega diaria para que, tanto individual como colectivamente, poidamos competirle a todos os equipos e poder lograr os nosos obxectivos”.
Valle deixa ás loitadoras para “cambiar de aires”
O preparador de Abadín, tras máis de dúas décadas dentro da estrutura do CV Emevé, toma o relevo de Diego Taboada, que dirixiu aos loitadores durante once tempadas. Valle recoñece que “as expectativas son máximas ante un reto que me atrae un montón e no que espero estar á altura”.
O adestrador traballará coa permanencia como obxectivo principal, para despois plantear “metas maiores en función do plantel que logremos confeccionar, como pode ser entrar na Copa do Rei ou no playoff”.
O novo responsable do grupo masculino explica que “a necesidade de cambiar de aires” é unha das grandes motivacións para asumir a súa nova responsabilidade xa que “é bo tanto para min como para a sección feminina, porque levaba moitos anos aí e é necesario que chegue outra persoa que cambie a forma de adestrar e motivar á xente”.
Da mesma maneira, sinala que “non creo que o proceso de adaptación sexa moi longo, xa que Diego e eu traballamos xuntos moitos anos e a idea que temos de como se xoga a isto é practicamente igual, así que os rapaces non van atopar moitas diferenzas”.
Como adestrador, Valle defínese como “moi esixente a nivel físico e técnico. Trato de convencer aos xogadores de que melloren fisicamente porque este deporte é tremendamente físico, pero tamén tecnicamente pola importancia que ten. Esa mellora individual redunda positivamente no equipo e por iso anímolles a mellorar esas cousas que diferencian a un xogador bo dun excepcional”.
O novo xefe dos loitadores anticipa as emocións que vivirá o Municipal cos partidos dos seus: “Gústanme os equipos que mostran a súa intención de gañar desde que entran na vista. Espdero ver un equipo aguerrido, forte, que loite ata o último balón e teña claro ao que xoga. Incidiremos desde o principio da tempada en ter o contorl do xogo e ser competitivos para que quen queira gañarnos teña que xogar moi ben”, conclúe.