O técnico deportivista, Manu Sánchez, comparecía ante os medios de comunicación na previa do primeiro encontro de As Nosas deportivistas na Liga Iberdrola 2020-21. O adestrador falou do retorno de Lía, do estado das súas xogadoras logo da preparación previa á competición, das ausencias que terá o Dépor ABANCA neste choque e por suposto do rival das galegas nesta fin de semana: oi Athletic Club ao que se medirán en Lezama.
A pretemporada foi un tempo óptimo para as branquiazuis segundo explicaba Manu Sánchez que manifestou: “Chegamos ao primeiro partido nun bo punto, en bo ton. Tivemos algúns contratempos pero agora a única xogadora que está tocada é Helena (con problemas musculares desde hai uns días), o resto están todas dispoñibles. Estou contento co gran traballo que fixo Lucía e a chegada este ano de Nacho. Estamos en disposición de poder pelexar ben, outra cousa é o nivel futbolístico porque aínda estamos nese proceso de construción e de asimilación de conceptos”.
Ao respecto da posible falta de rodaxe das galegas, o técnico explicaba: “Afectará ao espectáculo porque a todos os equipos vannos faltar moitas cousas. Fisicamente penso que si que se chegará ben pero a nivel futbolístico pode ser que en certos equipos se note”. O adestrador das coruñeses dixo que apostaría “a que moitos se transformarán a medida que avance a competición, as probas típicas de pretemporada non tivemos ocasión de facelas e esta primeira parte da temporada servirá para iso”.
O retorno de Lía
Hai vellas coñecidas e caras novas neste Dépor ABANCA 2020. Entre das facianas coñecidas, un regreso, o de Rosalía Muíño, Lía.
Manu Sánchez non agochaba a súa alegría polo retorno da futbolista herculina á súa casa. “Estamos moi contentos de recuperar a Lía. Tamén por ela, porque vai ter a oportunidade de vivir ao seu Dépor en Primeira División. Ela conseguiu o ascenso e tivo que marcharse e agora, aínda que sexa por un espazo de tempo máis reducido, vai poder desfrutar do Dépor en Primeira”, explicaba o técnico.
Para o adestrador das galegas, a fútbolista, que o ano pasado estivo xogando en USA e que retornará alí en xaneiro: “Vai aportar maiores opcións para o centro do campo, esa inventiva e creatividade que ten ela con balón”. Detallaba Manu Sánchez que ao Dépor ABANCA faltáballe “unha peza no centro do campo e saíu esta oportunidade. Ela ten o seu compromiso en Estados Unidos a partir de xaneiro e estará con nós mentres tanto”.
En que mellora o Dépor 2020
Consultado sobre as virtudes e defectos do equipo neste curso, o preparador deportivista sinalaba: “Con respecto ao ano pasado gañamos en fortaleza física e pola contra penso que aínda non estamos no noso nivel de fútbol, desa alegría que temos nós con balón. Aínda falta traballo pero temos as ferramentas para acadalo, eu estou contento. Hai que ter un pouco de paciencia porque o ano pasado tiñamos todo ese traballo feito e agora temos que refacer todo iso dentro da competición, que é moi esixente”.
O Athletic, “un rival forte”
Debutan As Nosas deportivistas cun óso. O seu primeiro rival, o Athletic Club, é un equipo que complicará o debut ligueiro das galegas. O entrenador branquiazul sábeo: “Afrontamos un partido de máxima esixencia como sempre que xogamos en Lezama. É un equipo bastante renovado que tivo algunhas baixas como nós pero son sempre un conxunto aguerrido moi forte nos balóns aéreos e que teñen un xogo rápido aos espazos. Tentaremos contrarrestar iso”.
As novas deportivistas 1×1 en ollos do seu míster
A afección está desexando poder ver evolucionando sobre o campo ás novas fichaxes do Dépor ABANCA, pero quen as coñece xa sobradamente é o seu adestrador que facía esta descripción delas unha por unha:
- Noelia Bermúdez: “Trátase dunha porteira cunha gran traxectoria, bo xogo de pés e dominio do xogo aéreo”.

- Stephanie Blanco: “É moi nova, e ten unha gran potencia”.

- Ainhoa Campo: “Foi internacional coas categorías inferiores de España. Pode xogar de mediocentro ou central e ten moi boa saída de balón.

- Lady Andrade: “Talento e carácter nunha mesma futbolista”.

- Helena Torres: “É unha clásica 9 de área que ten maior versatilidade e mobilidade do que a xente se cre. Pode aportarnos moito xogo de costas”.

- Kenni Thompson: “Ten unha gran potencia, chegada e un moi bo golpeo”.
