- Mame Diouf: “Estou moi contenta de regresar á Liga Iberdrola porque España é como o meu segundo país”.
- A xogadora do CV Arenal Emevé conta cunha dilatada traxectoria internacional e coñece ben o campionato español, no que disputou sete tempadas.
Coa Liga Iberdrola a piques de dar o seu pistoletazo de saída o vindeiro sábado, o CV Arenal Emevé presentou a unha das súas últimas incorporacións: Mame Diouf.
A nova xogadora do CV Arenal Emevé conta cunha dilatada traxectoria internacional e coñece ben o campionato español, no que xa disputou sete tempadas e do que foi designada mellor central na tempada 18-19. Mame Diouf asegurou sentirse “moi contenta porque España é como o meu segundo país, onde máis tempo pasei despois do meu. Encántame a xente e para a miña Lugo foi un descubrimento e teño moitas ganas de seguir descubrindo a cidade”.
Mame Diouf, lesionada: “Pronto hei estar na cancha facendo o que máis me gusta”
A pretemporada non comezou con moita fortuna para a deportista ao sufrir unha fractura no quinto metatarso do pé esquerdo que lle impedirá estar presente nas primeiras xornadas. Respecto diso Mame Diouf afirmou que “dentro do malo sempre hai que sacar o positivo. Ao final é unha mágoa non poder xogar, pero pronto vou poder estar na cancha facendo o que máis me gusta”
A senegalesa Mame Diouf confesou que elixiu xogar no CV Arenal Emevé porque “o proxecto do equipo atráeme unha chea. Retos como o que tiñamos coa Supercopa son moi motivadores, pero tamén o foron as palabras de Manu que me presentou un plan moi ilusionante”.
Apoio de Frisaqués ao CV Arenal Emevé
A central senegalesa, que non poderá participar no partido diante Avarca Menorca por lesión, compareceu por primeira vez ante os medios na sede de Frisaqués no Polígono Industrial do Ceao. O acto serviu tamén para a firma da renovación do contrato de patrocinio que vincula á firma de Frío Comercial, Industrial e Climatización co club lucense.
O conselleiro delegado da compañía, Constantino Saqués, asegurou que “todo o que axudemos as empresas ao Emevé tamén vai destinado ao deporte basee e o club está a facer un gran labor nese aspecto. Buscamos axudar no económico para que o traballo na canteira poida fornecer o seu efecto”.
Ao mesmo tempo Constantino Saqués destacou “a importancia que ten para as empresas que traballamos a nivel nacional o que os equipos aos que estamos vinculados compitan por toda a xeografía española para incrementar a nosa visibilidade”.

Nesa mesma liña manifestouse a presidenta do CV Arenal Emevé, Bibí Bouza: “Para nós é moi importante o apoio das grandes empresas da cidade e que traballemos nunha mesma dirección.”